A alcaldesa María Loureiro e a concelleira de Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, acudirán a Madrid para recibir a distinción
Viveiro, 22 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro celebra que o municipio foi recoñecido por UNICEF como Cidade Amiga da Infancia, despois de varios anos sendo candidato a esta distinción.
A concelleira de Igualdade e responsable do Grupo de Participación Xuvenil e Infantil de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala que “isto é unha grandísima noticia para o Concello”.
A concelleira quixo felicitar “primeiramente a Victoria Baamonde, anterior concelleira de Benestar Social, que deu comezo á candidatura”, collendo despois o testemuño a alcaldesa María Loureiro e a propia Fernández Fernández-Noriega.
“Tamén queremos dar os nosos parabéns por este logro ao persoal técnico de Xuventude do Concello, sen o seu gran traballo non tería sido posible obtelo”, engadiu.
Por outra banda, María Loureiro afirmou que ser Cidade Amiga da Infancia “non é simplemente un recoñecemento, senón tamén un reto que nos pon a traballar con moitos deberes sobre a mesa”.
“Asumiremos este galardón con moita ilusión, e sobre todo coa responsabilidade de levar adiante proxectos para a mocidade, para a rapazada e para a infancia de Viveiro”, apuntou a rexedora.
“Deste xeito lograremos que este recoñecemento se perpetúe no tempo e que Viveiro sexa un lugar mellor e máis amable para os nosos pequenos e pequenas”, concluíu.
A alcaldesa e a concelleira de Igualdade acudirán o vindeiro día 10 de decembro a Madrid para recoller o galardón nun acto organizado por UNICEF, a entidade responsable do mesmo.