A Asociación para a desintensificación no agro organiza a viaxe, na que visitarán diversos proxectos produtivos e de investigación
Lugo, 14 de novembro de 2024. Unha vintena de gandeiros e gandeiras con granxas de pastoreo ou ecolóxicas e persoal técnico e investigador viaxarán a comezos de decembro a Nova Zelanda coa Asociación para a desintensificacion no agro (AEDA) para coñecer de primeira man proxectos produtivos e de investigación que se desenvolven nese país, cunha produción láctea baseada no pastoreo.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia esta iniciativa coa que a delegación galega, que vixa do 7 ao 16 de decembro, visitará granxas, empresas de selección xenética e de produción de sementes e mesturas, organizacións de produtores e cooperativas de transformación, así como campos de investigación e centros experimentais.
“O centro de interese que guía a viaxe é a produción en base a pastoreo. Unha cuarta parte das exportacións neozelandesas está ligada á produción láctea, que se realiza fundamentalmente en sistemas produtivos fundamentados no uso da herba. Un uso intensivo, con técnicas produtivas punteiras. Por iso, Nova Zelanda segue a ser o sitio onde os custos de produción son os máis baixos”, explicou o coordinador da visita e responsable de AEDA, Xan Pouliquen, durante a reunión mantida coa deputada Iria Castro.
A área de Rural apoia esta actividade formativa no marco da colaboración que mantén coas asociacións agrogandeiras e profesionais vinculadas ao sector primario que promoven a mellora da competitividade das granxas, así como a sustentabilidade, a diversificación e a multifuncionalidade dos sectores agrario e gandeiro.
Nesa liña, tras a viaxe, organizarase unha xornada na que se presentarán os resultados deste intercambio de cara a implementar técnicas de pastoreo máis eficientes tanto desde o punto de vista produtivo como económico en gandeirías de vacún da provincia e do resto do país.
Datos sobre a produción leiteira en Nova Zelanda
Nova Zelanda representa aproximadamente o 35 % do comercio mundial en produtos lácteos. Representa aproximadamente o 2% da produción mundial de leite, pero exporta máis do 95% de todos os seus produtos. Ten unha longa tradición de produción en base a pastoreo, con custos de produción reducidos. Desenvolveu sistemas produtivos totalmente orientados á produción a baixo custo en todas as dimensións (manexo das pradeiras, fertilización, xestión do gando, xenética…). E polo tanto un magnífico escaparate do potencial económico da produción con pastoreo correctamente xestionado.