A área de Rural investiu 120.000 euros nesta convocatoria, destinada a ganderías de ovino, cabrún e porcino
Lugo, 30 de novembro de 2024. O BOP publica este sabado a resolución da convocatoria de subvencións á gandería extensiva do programa “O que non arde” da área de Rural da vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Unha trintena de granxas de cabrún, ovino e porcino resultaron beneficiarias destas axudas, destinados a financiar a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a alimentación e o manexo do gando en extensivo, como comedeiros,bebedeiros, parideiras ou refuxios.
O deputado de Rural Daniel García lembrou que “nesta quinta edición dobramos o investimento no programa, aumentando tamén o importe das axudas, ata un máximo de 6.000 euros, para apoiar a actividade das ganderías extensivas e facilitar investimentos para o manexo e a protección do gando”.
O responsábel provincial valorou “o traballo realizado ao longo destes cinco anos para consolidar o programa e implicar ás comunidades de montes, ás asociacións gandeiras e aos propios gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”.
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación destinou 120.000 euros á quinta edición deste programa, recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel nacional, pola oenegué internacional WWF Adena. Desde a súa posta en marcha, nas sucesivas convocatorias, a área provincial destinou ao programa un Toral de 360.000.