Dotado economicamente con 1000 euros, este galardón supón a primeira vez que o escritor é premiado na súa comarca, pois Lionel Rexes reside no Alfoz do Castrodouro.
Segundo o autor, a idea para o argumento xorde tras ler unha obra de referencia no ámbito do Valadouro, trátase de Apuntes Históricos del Valle de Oro, publicado en 1912 polo crego José Martínez Cobo, quen exerceu o sacerdocio na alfocesa parroquia de Bacoi nos primeiros anos do século XX.
Neste ensaio sobre diversos aspectos económicos e sociais, o crego Martínez Cobo fala de certos costumes piadosos mantidos daquela no pazo de Carrocide, unha construción hoxe vixente e habitada na alfocesa parroquia de Lagoa.
De aquí sae unha parte da inspiración para que Lionel Rexes escriba a novela O terceiro desexo, unha trama actual na que certas reminiscencias do pasado van aportando pinceladas de telurismo ao argumento.
O terceiro desexo é, en definitiva, unha novela sobre débedas do pasado incidindo no presente, ilusións non materializadas e a decepción como semente de vinganza. Faise transversal durante toda a novela a teima do protagonista principal por vivir afastado do mundo, acompañado dunha criatura monstruosa de natureza inconcreta.
Como de costume neste autor, na narración aparecen reiteradamente topónimos propios da comarca natural do Valadouro.
O xurado do premio destacou “A súa capacidade para recrear unha historia na que os amores convulsos, o particular universo dos artistas alternativos e as manobras de extorsión de poderosos na sombra se entretecen nunha trama chea de sorpresas e personaxes singulares. Posuidora dunha sólida estrutura, habitada por misterios insondables, esta novela amosa a extraordinaria pulsión dun narrador con máis que plausible oficio.”
O escritor alfocés recibirá o premio o 13 de decembro no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, xunto ao escritor Xavier Queipo, galardoado nesta sexta edición.