Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimos días de visitas á Cova do Rei Cintolo para este ano

Mondoñedo, 26 de novembro, 2024. A Cova do Rei Cintolo continúa medrando neste ano a bo ritmo, grazas aos esforzos do Concello de Mondoñedo e da Federación Galega de Espeleoloxía e nestes últimos meses do ano aínda hai posibilidade de gozar da mesma.

Agora, a piques de rematar o ano, estamos ante os últimos días nos que se pode facer visita guiadas á Cova. Así a partir do día 29 de novembro e ata o día 8 de decembro, poderanse levar a cabo visitas todos os días como cerre da campaña do ano 2024.

As visitas turísticas lévanse a cabo na Galería Central da cova sobre un percorrido de 300m que supón unha visita dentro da cavidade de 1h e 15minutos aproximadamente.

Pídese, para poder facer as mesmas, unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios. Tamén é preciso facer reserva previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982 50 71 77, ou a través do seu e-mail turismo@concellomondonedo.es. As quendas de visitas serán ás 11h e ás 16h.

É obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita.

Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.

A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 20€/persoa.

Continúa tamén aberta a posibilidade de facer visitas á Zona do Río. Un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior e tamén de máis longa duración.

Para esta modalidade de visita é preciso facer reserva previa coa Oficina de Turismo e o custo, para este percorrido espeleolóxico de maior duración e dificultade, é de 40€/persoa.

Dende o Concello e a Federación, queren convidarte a que te achegues a gozar destas últimas visitas á cova na presente campaña. Anímate!

Exit mobile version