Site icon Crónica3.com A Mariña

Saen a licitación varios postos no mercado municipal da Praza de Abastos de Viveiro

Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión de uso privativo, que se poderán visitar contactando previamente co Concello

Viveiro, 18 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro anuncia a licitación pública para a concesión de varios postos no mercado municipal da Praza de Abastos.

A concelleira de Mercado e Comercio, Iria Cotelo, sinala que esta licitación especial busca “darlle uso ao espazo, actualmente con moitos postos baleiros, e dinamizalo mentres se espera á remodelación da praza”.

“As persoas interesadas na concesión poderán visitar in situ os postos dispoñibles, coñecer as súas características e aclarar posibles dúbidas sobre o procedemento de licitación”, destaca Cotelo.

Para isto será necesario poñerse en contacto co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou co Departamento de Contratación do Concello. Haberá un total de nove postos dispoñibles para a súa concesión de uso privativo.

A superficie dos postos oscila entre os 6,50 metros cadrados do posto número 1 aos 28,55 metros cadrados dos postos 7/9. De xeito acorde, o canon a pagar polo seu uso está entre os 31,07€ e os 65,09€ mensuais, ou entre os 177,84€ e os 781,08€ anuais.

Posto 1: 6,50 m²
Posto 2: 11,94 m²
Posto 3: 7,15 m²
Posto 4: 12,82 m²
Posto 6: 7,15 m²
Postos 7/9: 28,55 m² cada un
Posto 12: 15,70 m²

O canon anual por metro cadrado está establecido en 4,78€, cunha bonificación especial debido ao carácter excepcional desta licitación. O importe poderá ser mellorado á alza por cada licitador, quen abonará o canon de forma mensual.

A concesión terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano, sempre que non se inicien as obras de remodelación do mercado. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto.

A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto, cun único criterio de valoración: a oferta económica máis vantaxosa.

Unha vez o anuncio sexa publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, como ocorrerá previsiblemente a partir da vindeira semana, as persoas interesadas terán 30 días hábiles para presentar as súas propostas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

A concelleira de Mercados subliña que a licitación “busca reverter a situación actual de inactividade no mercado, sendo unha oportunidade para darlle nova vida á praza”.

“Deste xeito promóverase o uso do mercado ata que se poidan acometer as obras de remodelación que se están a proxectar neste emblemático espazo do municipio”.

Exit mobile version