A Mariña, 25 de novembro, 2024. Ana Pena, Guía Oficial de Galicia e xerente de Guía tu día, organiza diversas rutas de cara ao mes de decembro. “Con estes paseos pretendo propoñer alternativas para coñecer o territorio en meses máis tranquilos, pero sen dúbida especiais pola época do ano na que nos atopamos, con paisaxes espectaculares”.
A primeira das rutas terá lugar este domingo día 1 no Valadouro. Un paseo circular de 6 km que combina a Ruta dos Pozos coa visita ao Museo do Mel, o único co que contamos na Mariña.
Xa na ponte festiva, o sábado 7 será en Rinlo. Nesta camiñata litoral coñecerase a historia deste pobo mariñeiro e visitaranse as cetarias, empregadas para a conservación do marisco.
O domingo 8 farase un paseo pola cidade de Viveiro. Visitaranse os principais recursos e o Belén a tamaño natural máis grande que temos na nosa comunidade autónoma.
Por último, o domingo 15 terá lugar a Ruta da Auga en Mondoñedo, unha ruta circular de 7,5 km que levará ata a fervenza do Salto do Coro.
Todas estas visitas e rutas guiadas comezarán ás 10h, exceptuando a de Viveiro que será ás 11h. O prezo de cada visita é de 10€ por persoa e as prazas son limitadas. Para máis información e reservas poden contactar no teléfono 654 99 68 57.