Ribadeo, 6 de novembro de 2024. Ribadeo solicita o apoio da Confederación Hidrográfica do Cantábrico para renovar a rede de abastecemento de auga. Así llo fixo saber o alcalde, Dani Vega, á presidenta deste ente, Bárbara Monte.
O rexedor contou que “tivemos unha reunión de traballo coa presidenta da Confederación Hidrográfica do Cantábrico para abordar varios asuntos de interese para Ribadeo. O primeiro deles é o abastecemento da auga, que nós entendemos que temos que ter a colaboración de todas as administracións. Xa estamos en conversacións coa Xunta de Galicia e estamos agardando que nos responda a Deputación. E agradecemos a gran resposta e rápida de Hidrográficas para abordar o asunto”.
Vega explicou que “vamos ter que facer algún tipo de tramitación, vamos ter que facer algún tipo de proposta digamos no tocante a unha tramitación para incluílo dentro dos presupostos xerais do Estado”.
O alcalde asegurou que “queda un traballo importante que facer, o que si xa conseguimos é que fagan unha limpeza de todos os ríos que sexan dependentes da institución, da Confederación Hidrográfica do Cantábrico. Vamos actuar en varios puntos, xa lle trasladamos a nosa proposta e polo tanto é un acordo importante”.
Dani Vega engadiu: “a partir de agora, vai haber unha programación na limpeza dos ríos que dependan de Hidrográfica do Cantábrico. Foi unha reunión moi positiva, unha reunión que agradecemos e como sempre dicimos vamos seguir traballando para ter esa relación, para ter esa xestión e en consecuencia esa inversión para o Ribadeo que queremos todos”.