Ribadeo, 21 de novembro de 2024. Ribadeo consegue financiamento na Xunta de Galicia para realizar melloras nas instalacións deportivas. O alcalde, Dani Vega, mantivo un encontro co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
O rexedor explicou que “mantivemos unha reunión de traballo co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Nesta reunión o que fixemos foi analizar todas as instalacións, todas as infraestruturas deportivas. O pavillón de Alfredo Deaño, eu sempre digo e tamén llo dixen a el, aí chove máis que fora, hai máis caldeiros aí que en todo Ribadeo”.
Vega indicou: “sabemos e somos conscientes de que isto temos que melloralo. Analizámolo durante este ano, buscamos a vía de financiamento, concretamos un orzamento por parte do Concello, pero necesitamos a axuda doutras administracións. Levamos anos, levase anos falando de que hai que mellorar isto, pero nunca se concretou absolutamente ningún euro para este pavillón”.
O alcalde dixo: “sabemos tamén do problema que ten o Pepe Barrera, os vestiarios. A parte de chover hai humidades. Non son unhas instalacións dignas. Por iso tamén temos que buscar o financiamento. Ou o pavillón de Cubelas ou a necesidade que ten Ribadeo de ter un campo de herba artificial. Se o teñen outros Concellos, por que Ribadeo non o ten? Pois eu creo que durante anos puidose facer, pero evidentemente este Concello non está para buscar disculpas ou puidose facer e non facer. Nosoutros non entramos aí. Nosoutros o que queremos é buscar o financiamento”.
Dani Vega subliñou: “vamos seguir loitando por ese financiamento e con esta reunión, con Diego Calvo, concretamos o 50% do financiamento. Por tanto, temos garantido dar un paso. Agora vamos presentar unha memoria, vamos presentar os proxectos e a partires de aí concretaremos ata onde pode chegar a Xunta de Galicia. E tamén esperamos que a Deputación e todas aquelas administracións que entenden que Ribadeo ten esa necesidade poden colaborar con nos”.
E engadiu: “este primeiro paso coa Xunta, unha reunión moi produtiva, unha reunión frutífera e que deu un resultado, que vamos solicitar ese 50% para empezar a traballar no financiamento e así mellorar todas as infraestruturas deportivas”.