Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o programa ‘Compostaxe Rural’ de Viveiro

Viveiro, 9 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía de Viveiro, dirixida por Míriam Bermúdez, presenta o programa ‘Compostaxe Rural’ desde a área de medioambiente para impulsar a compostaxe individual en vivendas unifamiliares. Esta iniciativa, que promove a xestión autónoma dos residuos orgánicos, inclúe a entrega de 200 composteiros a fogares situados en vivendas illadas con parcela ou horta de polo menos 25 m².

As persoas interesadas en solicitar un composteiro poden facelo a través do teléfono de Viveiro Sostible (697 162 637), o correo electrónico viveirosostible@fcc.es ou mediante o formulario en liña dispoñible no sitio web do Concello, ao cal se pode acceder premendo aquí.

Os composteiros, con capacidade de 400 litros, deben colocarse no exterior das vivendas, preferentemente nunha zona sombreada e protexida das inclemencias do tempo, como debaixo dunha árbore de folla caduca, e en contacto directo coa terra, o que facilita a entrada de microorganismos descompoñedores.

Míriam Bermúdez destaca que esta iniciativa busca recuperar e optimizar a práctica tradicional da compostaxe, tan enraizada no rural galego, convertendo os restos orgánicos nun recurso valioso de maneira hixiénica, cómoda e eficiente. A compostaxe permite aos fogares xestionar a súa materia orgánica de forma sustentable, contribuíndo así ao medioambiente e á economía local ao reducir a cantidade de residuos e fomentar un ciclo natural de nutrientes nas zonas rurais do municipio.

Exit mobile version