O Grupo Popular logrou aprobar unha iniciativa para esixir un novo mapa concesional ante a proposta do Goberno de Sánchez de eliminar 10 paradas noutros tantos municipios da provincia
“A nosa iniciativa vén a corrixir unha grave inxustiza coas contornas rurais e os pequenos concellos”, xa que a proposta do Executivo de España suprime 10 paradas noutros tantos municipios da nosa provincia (case a metade das 22 que elimina en toda Galicia): Baralla, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, A Pontenova e Quiroga.
“Coa postura do Partido Socialista interprétase que o transporte público na zona rural é un luxo e nós dicímoslle que o transporte público na zona rural non é un luxo, é unha auténtica necesidade”, segundo subliña o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro. “E o BNG foi un convidado de pedra” porque se abstivo e, polo tanto, “interpretamos que tampouco lle interesa a situación do transporte público no rural lucense”, engade o senador lucense.
“O Goberno de Sánchez, co apoio dos representantes do PSOE e a abstención dos seus socios, coma o BNG, incide na desconexión do noso territorio en lugar de mellorar, fortalecer as conexións dos pequenos concellos e investir nas infraestruturas que impulsen a cohesión territorial”.
Ademais, Barreiro incide en que “a decisión por parte de Goberno de Pedro Sánchez adoptouse de costas a todos cantos poden aportar, non soamente os propios municipios; senón os representantes do sector do transporte por estrada”.
SÁNCHEZ DESCONECTA O RURAL
O mapa concesional presentado polo Goberno de España elimina máis de 9.000 paradas, suprime practicamente preto da metade das rutas (máis de 400) e deixa a preto de 1.500 municipios sen parada.
Máis grave é aínda que o texto do Proyecto de Ley de Movilidad Sostenible -atascado na Comisión de Transporte do Congreso dos Deputados- que presentaba o 14 de febreiro de 2024 sexa o mesmo que presentara en decembro do 2022 sen ter en conta ningunha aportación e endosándolle ás comunidades autónomas a mobilidade rural a cambio de 40M€ para todas elas.
“A decisión do Goberno é un golpe para a España rural -e, polo tanto, ten unha importante incidencia na nosa provincia-; ademais de constituír unha clara evidencia de que vai totalmente en contra do reto do despoboamento”, conclúen.