O Grupo Popular logrou aprobar unha iniciativa para esixir un novo mapa concesional ante a proposta do Goberno de Sánchez de eliminar 10 paradas noutros tantos municipios da provincia
Lugo, 18 de novembro de 2024. Os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano condenan que “os representantes socialistas dean as costas, unha vez máis, á nosa provincia e, máis concretamente, aos veciños e veciñas que viven nos municipios rurais” á vista de que o PSOE votou en contra dunha moción do Partido Popular que foi aprobada no Senado para esixirlle ao Goberno de Pedro Sánchez un novo mapa concesional de transporte regular en autobús.
“A nosa iniciativa vén a corrixir unha grave inxustiza coas contornas rurais e os pequenos concellos”, xa que a proposta do Executivo de España suprime 10 paradas noutros tantos municipios da nosa provincia (case a metade das 22 que elimina en toda Galicia): Baralla, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, A Pontenova e Quiroga.
“Coa postura do Partido Socialista interprétase que o transporte público na zona rural é un luxo e nós dicímoslle que o transporte público na zona rural non é un luxo, é unha auténtica necesidade”, segundo subliña o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro. “E o BNG foi un convidado de pedra” porque se abstivo e, polo tanto, “interpretamos que tampouco lle interesa a situación do transporte público no rural lucense”, engade o senador lucense.
“O Goberno de Sánchez, co apoio dos representantes do PSOE e a abstención dos seus socios, coma o BNG, incide na desconexión do noso territorio en lugar de mellorar, fortalecer as conexións dos pequenos concellos e investir nas infraestruturas que impulsen a cohesión territorial”.
Ademais, Barreiro incide en que “a decisión por parte de Goberno de Pedro Sánchez adoptouse de costas a todos cantos poden aportar, non soamente os propios municipios; senón os representantes do sector do transporte por estrada”.
SÁNCHEZ DESCONECTA O RURAL
O mapa concesional presentado polo Goberno de España elimina máis de 9.000 paradas, suprime practicamente preto da metade das rutas (máis de 400) e deixa a preto de 1.500 municipios sen parada.
Máis grave é aínda que o texto do Proyecto de Ley de Movilidad Sostenible -atascado na Comisión de Transporte do Congreso dos Deputados- que presentaba o 14 de febreiro de 2024 sexa o mesmo que presentara en decembro do 2022 sen ter en conta ningunha aportación e endosándolle ás comunidades autónomas a mobilidade rural a cambio de 40M€ para todas elas.
“A decisión do Goberno é un golpe para a España rural -e, polo tanto, ten unha importante incidencia na nosa provincia-; ademais de constituír unha clara evidencia de que vai totalmente en contra do reto do despoboamento”, conclúen.