O financiamento dos traballos foi asumida integramente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente
Os traballos centráronse na rehabilitación dun tramo do antigo camiño real, que estaba cuberto de vexetación, co obxectivo de garantir un tránsito seguro para vehículos, bicicletas e peóns. A intervención consistiu na pavimentación dun tramo de 212 metros de longo e 2,50 metros de ancho, respectando o seu trazado orixinal e minimizando a ocupación do espazo.
Entre as actuacións realizadas, inclúense a roza das marxes, a retirada de terra vexetal, a formación de cunetas, a instalación de sistemas de saneamento de augas pluviais e a compactación do firme con materiais adecuados. Tamén se incorporou sinalización indicativa para facilitar o uso do camiño.
O financiamento, que alcanzou un importe total de 11.870,56 € (IVE excluído), foi asumida integramente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia. Esta actuación contou co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nun 80%, a Xunta de Galicia nun 14% e o Estado nun 6%.