Hai xa meses -dende o pasado mes de abril- que solicitamos unha xuntanza coa xerencia da Área Sanitaria de Lugo e coa dirección do Hospital da Mariña para informarnos das previsións de incorporación de especialistas ao hospital mariñán, pero ata o de agora non temos recibido resposta algunha á nosa petición. Por iso, o pasado 8 de novembro solicitamos novamente unha xuntanza, neste caso coa Dirección do Hospital da Mariña e a día de hoxe seguimos á espera de que nos respondan.
Segundo as informacións publicadas en prensa, o hospital comarcal quedará sen servizo de Cardioloxía ata mediados de xaneiro do vindeiro ano. Creemos que esta circunstancia é intolerábel e inasumible. A comarca da Mariña, cuns 72.000 habitantes, non pode estar sen cardiólogos no seu hospital público de referencia.
A ísto hai que engadirlle tamén o funcionamento en precario doutros servizos fundamentais deste hospital, coma o de Anatomía Patolóxica (so un facultativo) Uroloxía (só un facultativo) ou Neumoloxía.
Esta lamentable situación trae como consecuencia que os usuarios deste centro teñan que ser derivados cada vez con máis frecuencia ata o Hospital de Lugo para ser atendidos de docencias cada vez menos graves.
Na nosa opinión, este esmorecemento paulatino do Hospital da Mariña comezou cando a nosa comarca pasou a depender sanitariamente de Lugo, perdendo así a autonomía de xestión e de organización e quedando nun segundo plano para os responsables sanitarios dos que dependemos.
Por último, adiantamos que nos vindeiros días solicitaremos unha xuntanza cos parlamentarios autonómicos pola Mariña do grupo que sustenta o Goberno de Galicia para facerlles chegar a nosa preocupación e informarnos das medidas que teñen pensado adoptar para atraer e conservar ao persoal facultativo, garantir a cobertura de todas as prazas das que dispón este centro sanitario e brindarnos aos usuarios a asistencia á que temos dereito.