José Tomé Roca vén de comprobar o funcionamento da nova cisterna de xurro e da trituradora lateral nas que a institución investiu preto de 150.000€ e inspeccionou a pavimentación en diferentes accesos da finca provincial de Castro Riberas de Lea
Acompañado pola Directora da Granxa Gayoso, Sonia Verdes, o Presidente verificou as melloras da nova cisterna de xurro con capacidade de 14.000 litros. Unha adquisición que, en palabras de Tomé Roca, “permite mellorar a xestión da explotación con criterios de sustentabilidade, cunha utilización máis eficiente dos recursos naturais e os procesos produtivos”. Explicou que esta dotación contribúe a reducir o impacto dos xurros no medio ambiente e na saúde das persoas e contribuíndo a promover prácticas máis sostibles, en consonancia coas políticas da nova Política Agraria Común (PAC).
Revisou tamén a nova trituradora lateral, unha máquina que sirve para facer as rozas e o control da maleza para a correcta xestión das parcelas e dos accesos. Inspeccionou tamén a reparación e asfaltado de 300 m2 do acceso ao garaxe do carro mesturador e a pavimentación dunha pista 1,8 quilómetros desde a nave de secas ata o cemiterio, para mellorar os accesos con maquinaria pesada na contorna das fincas de millo. Estes traballos tiveron un coste estimado de 50.000€.
José Tomé enmarcou este investimento no compromiso do Goberno que encabeza co sector primario que demostra con “diferentes políticas e estratexias levadas a cabo en colaboración coa Universidade e o sector produtivo” e sinalou que, o mellor exemplo é esta Granxa “que desenvolve un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega coa colaboración de Acruga; ou co Centro Experimental de Leite, o primeiro público de Galicia que conxuga formación e investigación universitaria sobre o sector lácteo para axudar ás explotacións a ser máis competitivas e sostibles”.