Este edificio construído en 1986 e cunha superficie de 777m2, destinado a múltiples usos e que alberga tamén a biblioteca e unha sala de exposicións, acusa a falta de mantemento, con diferentes danos por filtracións de auga en lucernarios e cubertas
Tomé Roca enmarcou esta colaboración na política de cooperación “aberta e leal” que mantén cos 67 concellos da provincia porque “é a maneira de prestar o mellor servizo aos máis de 320.000 veciños e veciñas do noso territorio”. Destacou que este acordo “servirá para mellorar as condicións dun edificio emblemático como é a Casa da Cultura de Vilalba que, tal e como me comentou a Alcaldesa, empregan a diario moitos veciños e veciñas porque acolle actividades culturais e sociais de todo tipo”.
Detallou o Presidente que se está a traballar nos termos da colaboración, pero a idea é que a Deputación asuma preto do 80% do investimento, asumindo o Concello de Vilalba o 20% restante.
O edificio, construído en 1986 sobre unha antiga cárcere, ten unha superficie de 777m2 e acusa a falta de mantemento, con diferentes danos por filtracións de auga en lucernarios e cubertas. As actuacións previstas no proxecto de mellora son: a instalación dunha nova cuberta de zinc, substitución de baixantes, canlóns e os lucernarios existentes de policarbonato por uns de vidro. Tamén se mellorará parte do alumeado e do saneamento, actuacións na recollida de lixo e os acabados cun illamento térmico baixo cuberta.
Marta Rouco agradeceu a colaboración da Deputación e valorou durante a visita que este acordo “permitirá rematar dunha vez por todas cos problemas de auga na Casa da Cultura. Unha obra moi necesaria, que leva moitos anos pendente de facerse e porque é moi utilizada porque acolle moitos servizos como a hemeroteca, a oficina de turismo, que ten salón de actos e sala de exposicións e mesmo é utilizada como sede dalgunha asociación local”. Explicaba a Rexedora que xunto co Auditorio municipal, que acolle os actos de maior envergadura, a Casa da Cultura situada na praza Suso Gayoso é o espazo no que se concentran a maioría das actuacións públicas do municipio.