Enrique Barreiro solicitou a posta en marcha de 9 centros de día e a apertura inminente da residencia comarcal de Becerreá
Enrique Barreiro explicou que estas demandas “foron recollidas nas xuntanzas que o Partido Popular de Lugo celebrou con alcaldes, voceiros e veciños de todos os concellos lucenses, que presentaron propostas para dar resposta ás necesidades reais da provincia”. Neste sentido, criticou que o presidente da Deputación “intente esconder, ata o último momento, o orzamento deste organismo para o vindeiro 2025, para o que non recibiu nin escoitou aos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia para coñecer as necesidades de cada municipio”.
APOIO Á RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO MUNDIAL
En concreto, o deputado popular urxiu a elaboración e desenvolvemento dun plan de conservación, mantemento e mellora das estradas provinciais, reforzando tamén o desbroce. Para isto, pediu que se duplique o orzamento destinado a vías provinciais, aumentándoo en 10 millóns de euros.
Respecto á cooperación cos concellos, Enrique Barreiro considerou “necesario incrementar a achega provincial en 10 millóns de euros, chegando aos 32 millóns, así como incluír nas bases da vindeira anualidade a posibilidade de solicitar a aplicación de parte da achega provincial deste plan a gastos correntes dos concellos”.
No eido da cultura, Barreiro pediu que a Deputación garanta a seguridade naqueles tramos do Camiño de Santiago que discorren por estradas provinciais, construíndo sendas paralelas onde non existan e eliminando os puntos detectados como perigosos.
O deputado popular fixo unha especial mención ao apoio ao turismo, onde cualificou de “obriga da Deputación a elaboración dun plan estratéxico para a provincia, que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións e entidades que forman parte do Consello Provincial de Turismo, apostando por un modelo máis sostible”. Ademais, solicitou “colaborar de xeito decidido no impulso da candidatura para que a Ribeira Sacra consiga en 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial”.
Un dos aspectos no que máis incidiu Enrique Barreiro foi o benestar social, onde solicitou a posta en funcionamento dos centros de día de Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil. Ademais, demandou que se consignen as partidas orzamentarias específicas que aseguren a apertura inminente do centro de día e residencia comarcal de Becerreá, ademais de axilizar ou finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Folgoso do Caurel, Portomarín, Ourol, Pantón e O Saviñao.