Dende o Grupo Provincial Popular advirten de que o orzamento da Deputación aumenta ata os 130M€ (incremento dun 11,93%) a costa dos impostos que pagamos todos os lucenses ao Estado xa que as contas de PSOE e BNG para o vindeiro ano contemplan un aumento do 13% da partida vinculada aos Tributos do Estado, os procedentes do IVE, carburantes ou IRPF
Dende o Grupo Provincial Popular recordan como “a nosa proposta era incrementar de xeito contundente o Plan Deputación en 10M€, chegando aos 32M€: “a suba que realizan PSOE e BNG no plan máis xusto que hai na Deputación para cooperar cos concellos é 40 veces menor á que pedíamos dende o PP”
Antonio Ameijide ve “falta de preocupación” polo mantemento da rede viaria provincial xa que “pese a que é certo que asignan máis fondos, non é menos certo que é totalmente insuficiente dado o nefasto estado de conservación das estradas da Deputación”, supoñendo un risco para a seguridade viaria
Dende o PP recordan como se pedía ambición no mantemento da rede viaria provincial, aumentando directamente en 10M€ os fondos para o mantemento de estradas: “non pedimos que se constrúan máis quilómetros de estradas na provincia, senón que os que hai se coiden para non facer perigosa a circulación”
Os populares advirten que se están acendendo luces vermellas na provincia xa que a previsión de PSOE e BNG é ingresar 400.000€ menos polo IAE (imposto de actividades económicas) que é o que pagan aquelas empresas da provincia que factura máis de 1M€ ao ano: “Mentres os lucenses temos que pagar máis en impostos, as empresas lucenses están a gañar moito menos, o que evidencia a nula promoción industrial e económica da Deputación de Lugo, que non apoia ao tecido empresarial”
José Tomé renuncia á captación de fondos europeos. Na memoria dos orzamentos para o vindeiro ano recóllese literalmente que “no capítulo VII, non se prevé inicialmente novos fondos europeos”, baixando a previsión de ingresos de 4.7M€ a 240.000€: “renuncian á demandar fondos europeos para a provincia, así como a liderar proxectos de captación para os diferentes concellos da provincia”
Os populares denuncian “a falta de ambición industrial” de José Tomé xa que mantén conxelada en 300.000€ a previsión de ingresos pola venda de parcelas nos polígonos industriais comprometidos na provincia o que evidencia “unha total ausencia de proxecto para apoiar o asentamento industrial e para a captación de empresas”
Dende o Grupo Provincial Popular afirman que “PSOE e BNG non queren investir na provincia” xa que manteñen cartos conxelados en contas bancarias xa que prevén ingresar 1.3M€ de intereses: “deixan os cartos en entidades bancarias, mentres non se inviste nin no mantemento de estradas, nin na apertura de residencias, nin no fomento do turismo, nin no avance industrial nin no mantemento de propiedades”