O portavoz, Antonio Ameijide, e os deputados Demetrio Salgueiro e José María Fernández comprobaron o mal estado da vía xunto ao alcalde, José Manuel Lamela, que lles trasladou as queixas dos veciños e veciñas
O Valadouro, 13 de novembro de 2024. O estado da estrada de titularidade da Deputación de Lugo que comunica no Valadouro co reemisor de TVE, na parroquia do Cadramón, “é intransitable para turismos”; polo que o Grupo Provincial Popular esixe ao goberno provincial de PSOE e BNG desenvolver con urxencia traballos de mellora na vía LU-P-6305.
O portavoz do Grupo Provincial do PP, Antonio Ameijide, e os deputados mariñáns Demetrio Salgueiro e José María Fernández comprobaron “o mal estado do firme” xunto ao alcalde, José Manuel Lamela, que lles trasladou as queixas dos veciños e veciñas polos prexuízos que lles causa esta situación.
Ameijide sinala que “en moitos puntos desta vía que comunica con parques eólicos e moitas fincas de gandeiros e gandeiras da zona o pavimento está tan gastado e desfeito que da paso a profundas fochancas”. Ante esta situación, “é imposible circular con seguridade pola vía con turismos”. Polo tanto, “o seu uso está limitado a outro tipo de vehículos”.
Para o popular esta situación débese á “falta de mantemento durante décadas por parte da Deputación de Lugo” que “fai moitos anos que non fixo ningún tipo de mellora nesta vía” que precisa “de forma urxente” un “bacheo integral en condicións”.
PSOE E BNG NON SON CAPACES DE MANTER A REDE VIARIA PROVINCIAL
Ameijide subliña, unha vez máis, que “o goberno de PSOE e BNG non atende a unha das súas principais competencias: o mantemento da rede viaria provincial”. Este é “un exemplo máis do mal estado no que se atopan moitas estradas de titularidade da Deputación de Lugo ao longo da provincia que están a xerar malestar entre os veciños e veciña ao condicionar a súa vida diaria”.
O popular volve insistir na importancia de dispoñer de estradas provinciais en bo estado para favorecer a mobilidade dos lucenses, o traballo diario de autónomos e transportistas e os accesos aos visitantes contribuíndo ao desenvolvemento do sector turístico. “Un goberno do Partido Popular foi capaz de construír a rede de estradas máis extensa dunha Deputación en España, pero o goberno de PSOE e BNG non son capaces de mantela”, indica.
Máis concretamente, o portavoz do PP afea que “recentemente propoñíamos duplicar a partida orzamentaria da Deputación de Lugo para a mellora das estradas provinciais -incrementar en 10 millóns de euros procedentes da liquidación de tributos do Estado do ano 2022-, pero PSOE e BNG votaron en contra”.