O PP local cre que “o goberno de PSOE e Vilalba Aberta apoiado polo BNG non ten proxecto de futuro: só atende aos seus caprichos e despilfarra os recursos de tódolos vilalbeses”
Vilalba, 14 de novembro de 2024. A presidenta do PP da provincia, Elena Candia, e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, mantiveron unha reunión de traballo en Vilalba coa presidenta do PP local, Sandra Vázquez, concelleiros e colaboradores para analizar a actualidade municipal e coordinar propostas e liñas de actuación.
O Grupo Municipal Popular defende que “tratamos de facer un traballo responsable e acorde á representatividade no Pleno da corporación onde somos o grupo maioritario”. Como representantes dos vilalbeses, centran o seu traballo en “ser a súa voz e dar traslado das súas demandas e propostas”.
Nese sentido, os concelleiros do Grupo Municipal Popular teñen reclamado ao goberno municipal tripartito -PSOE e Vilalba Aberta co apoio do BNG-: atención ás parroquias do rural, explicacións sobre o gasto en obras faraónicas que non acaban de quedar ben, dirixir investimento ao mantemento de instalacións e servizos públicos e apostar polo desenvolvemento de Vilalba. “O goberno local atende aos seus propios caprichos, pero non responde ás demandas actuais nin ás necesidades do día a día dos vilalbeses e vilalbesas”, consideran dende o PP.
De feito, cren que “o goberno municipal non ten proxecto de futuro para Vilalba”. E puxeron como exemplo o voto en contra do PSOE a unha iniciativa do PP para a ampliación do polígono industrial co obxectivo de xerar oportunidades de emprego, asentar poboación e contribuír a dinamizar tamén o comercio local.
Durante o encontro cos dirixentes provinciais do PP tamén analizaron “a mala xestión” do goberno local en materia económica lembrando exemplos de despilfarro -remodelación da rúa da Pravia, as novas piscinas da Madalena, a renovación do despacho da alcaldesa-, a perda de subvencións ou, directamente, a renuncia a axudas concedidas por outras administracións públicas.
E explicaron que, recentemente, “o goberno bipartito desoíu as recomendacións dos funcionarios públicos e gastaron máis de 17.000€ contratando a dedo a unha empresa privada para elaborar un informe que podía facer outra administración pública, como a Deputación de Lugo que, entre outras funcións, está para cooperar e dar asistencia técnica aos Concellos”.
Os populares tamén repasaron distintas demandas dos veciños e veciñas de Vilalba en materias de competencia autonómica das que deron traslado á Xunta de Galicia para “mellorar os servizos aos vilalbeses e vilalbesas”.