Os deputados populares demandan ao goberno de PSOE e BNG a mellora das estradas provinciais en concellos da zona sur que comunican a Ribeira Sacra e ao Goberno de Sánchez a convocatoria da mesa de Alcoa e medidas para garantir a viabilidade da planta na Mariña
Por unha banda, incidirán na necesidade de desenvolver un plan para a reparación, mellora e mantemento das vías provinciais como están a reclamar de xeito reiterado á vista das queixas que lles trasladan alcaldes, portavoces e os propios veciños. Nesta ocasión, os populares fan fincapé no estado case intransitable de moitas estradas da Deputación nos municipios do sur da provincia -como Bóveda, A Pobra do Brollón, Pantón, Sober ou Carballedo, por citar algúns- que ocasionan trastornos diarios aos usuarios ao dificultar a súa mobilidade e, ademais, a conexión dos visitantes con puntos de interese turístico da Ribeira Sacra.
O portavoz, Antonio Ameijide, lembra que “o clamor polo pésimo estado de vías provinciais chegou ao pleno nalgún dos Concellos onde estas reivindicacións foron apoiadas de forma unánime polos grupos dos distintos partidos”.
E, por outra banda, tamén levarán ao pleno provincial a situación de incerteza de Alcoa nun contexto no que o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do pacto no que están representados a empresa, os traballadores e as administracións públicas; se fixo público un preacordo con Ignis supeditado ás achegas públicas para facer viable a planta da Mariña; e os traballadores volven a mobilizarse para demandar solucións.
A iniciativa dos populares recolle instar ao Goberno de Sánchez a convocar a mesa de forma urxente, autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía a Alcoa e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.
Os deputados do PP tamén preguntarán cal é a previsión do goberno de PSOE e BNG para a Casona do Incio, unha propiedade de titularidade provincial que, como moitas outras, “se atopa nun estado de total abandono, deteriorándose a pasos axigantados, en lugar de recuperala e poñela en valor para o uso dos lucenses”. En xullo do 2021 acordárase por unanimidade recuperar o edificio, pero “pasaron máis de tres anos e o único que fixo a Deputación de Lugo foron actuacións de apuntalamento”.
O goberno provincial tamén prometera fai 14 anos unha residencia aos veciños e veciñas do Saviñao nunha parcela no casco urbano de Escairón. Á vista do seu incumprimento, piden explicacións ao goberno de Tomé sobre os plans que ten previstos para a parcela que, a día de hoxe, en lugar de estar ofrecendo un servizo aos veciños e veciñas, está abandonada”.
O Grupo Provincial Popular tamén trasladará ante o pleno outras demandas continuas de veciños e veciñas como é a reparación da estrada LU-P-6305 que conecta co reemisor do Cadramón (O Valadouro) que leva anos sen ningún tipo de mantemento polo que o seu estado é intransitable para turismos.
Así mesmo, os deputados do PP, tras escoitar as queixas dos propios veciños e veciñas de Galdo, piden ao goberno de PSOE e BNG actuacións para mellorar a seguridade dos peóns na estrada LU-P-6602 ao seu paso por esta parroquia viveirense. Recentemente incluso se produciron dous incidentes nos que dous vehículos arroiaron a dúas persoas.
Ante a situación de perigosidade que os veciños e veciñas xa trasladaron ao goberno bipartito local sen obter ningunha solución, os representantes do PP na Deputación trasladan a súa demanda para a instalación de redutores de velocidade ao seu paso polos núcleos de poboación; ademais de solicitar a habilitación, sempre Os deputados populares demandan ao goberno de PSOE e BNG a mellora das estradas provinciais en concellos da zona sur que comunican a Ribeira Sacra e ao Goberno de Sánchez a convocatoria da mesa de Alcoa e medidas para garantir a viabilidade da planta na Mariña
que sexa posible, de espazos para peóns pola marxe da vía.