Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lucense instará ao Goberno central dende o Senado a executar a autovía da Mariña (A-74)

Alcaldes e portavoces da comarca acompañaron aos senadores Balseiro e Barreiro na presentación desta iniciativa en rolda de prensa

A Mariña, 25 de novembro de 2024. O PP insta ao Goberno de Sánchez a avanzar na execución da autovía da Mariña (A-74). A iniciativa que defenderán dende a Cámara Alta foi presentada polos senadores José Manuel Balseiro e José Manuel Barreiro xunto a alcaldes e portavoces da comarca.

Os populares esixirán ao Executivo estatal dende o Senado, concretamente, o impulso dos trámites administrativos previos necesarios e as partidas orzamentarias suficientes para iniciar as obras na totalidade dos tramos, durante o ano 2025.

O senador mariñán, José Manuel Balseiro, explicou que “nos 6 anos de goberno de Pedro Sánchez non só non se avanzou na construción dun solo quilómetro desta autovía, nin nos seus trámites administrativos previos, senón que incluso non se executaron os investimentos comprometidos nos Presupostos Xerais del Estado”. É máis, “non se executaron os preto de 4M€ consignados polo Goberno de Rajoy para licitar os tramos de Barreiros, Foz e Burela; senón que o Goberno de Sánchez tampouco foi capaz de executar as súas propias partidas orzamentarias que supoñían un importante recorte con respecto ás cantidades consignadas polo Goberno do Partido Popular”, incide.

Os senadores consideran “preocupante” que “o Goberno de Sánchez non mostre vontade ningunha por ofrecer un cronograma para o desenvolvemento da vía”. De feito, en resposta oficial o Executivo recoñece que calquera actuación sobre o terreo e o inicio das obras está supeditada á tramitación de proxectos de trazado e construción, á entidade das alegacións que se presenten nas fases de información pública e tamén ás dispoñibilidades orzamentarias. Nese sentido, os populares advirten que “todas estas cuestións dependen unicamente da vontade política e as prioridades que o propio Goberno asigne a esta autovía”.

Balseiro lembrou que “o PSOE -concretamente o actual secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro- prometeu na campaña ás eleccións xerais a contratación do primeiro tramo da A-74 para o 2024”.

Igualmente, o coordinador do PP da Mariña e alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, pregúntase “se o anuncio de Besteiro era unha mentira aos mariñáns ou se realmente hai previsión de resolver a situación e acabar coa inxustiza que está condenando a ter A Mariña en dúas velocidades” toda vez que “unha parte da comarca está incomunicada cunhas infraestruturas do século pasado”.

No mesmo sentido, a rexedora de Cervo, Dolores García, condenou “a deixadez do Goberno de España coa Mariña” e lembrou que “levamos tempo lendo noticias sobre a mellora das infraestruturas, pero aínda estamos esperando”. Polo tanto, “agardamos que escoiten esta iniciativa”.

VÍA ESTRATÉXICA E ALTERNATIVA Á N-642

A A-74 é estratéxica e prioritaria para a comarca -unirá as localidades de San Cibrao (Cervo) e Barreiros servindo de unión coa vía de alta capacidade Costa Norte e coa autovía A-8- e permitiría mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade viaria; ademais de potenciar a economía da provincia de Lugo e de Galicia.

Esta autovía serviría como itinerario alternativo á actual N-642, unha estrada convencional que presenta moitas ineficiencias polo mal estado do pavimento, porque cruza moitos núcleos de poboación ralentizando o percorrido e que soporta un importante número de vehículos de particulares, traballadores, autónomos ou pequenas empresas aos que se suman os que teñen como orixe e/ou destino o porto de Burela, o Hospital da Mariña ou a principal empresa da provincia: a factoría de alúmina e aluminio.

Exit mobile version