Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insiste ao goberno local de Viveiro para “facer as xestións necesarias para reabrir a praia de Sacido tras confirmar o Goberno de España que é competencia do Concello”

Os deputados do PP lucense preguntaran por escrito polas xestións realizadas polo Goberno de España e o goberno municipal en relación ao acceso ao areal que leva máis de 6 anos pechado por risco de desprendemento

Viveiro, 16 de novembro de 2024. A recuperación do acceso á praia de Sacido en condicións de seguridade para viveirenses e visitantes tralo seu peche fai máis de 6 anos por risco de desprendementos “é un dos tantos temas pendentes do goberno local de Viveiro e que sufrimos os viveirenses pola incapacidade de xestión e a falta de peso política da alcaldesa socialista e do seu goberno bipartito”, segundo manifesta a portavoz do PP, Mariña Gueimunde.

Ante a “paralización dunha solución” para a apertura do areal situado ao final do paseo que bordea o litoral dende a praia de Covas -moi apreciado polos bañistas e que durante varios veráns contou coa distinción da bandeira azul-; o Partido Popular -a través dos deputados no Congreso, o viveirense Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- dirixiuse ao Goberno de Sánchez para esixir explicacións sobre as xestións do propio Goberno do España e tamén do goberno municipal.

“A resposta oficial elude dar explicacións sobre as xestións realizadas por ambos executivos, pero si confirma que o acceso á praia é competencia do Concello” porque se sitúa fóra do dominio público marítimo-terrestre polo que a súa xestión non lle corresponde ao Estado.

Gueimunde entende que “é o Concello o que ten que facer as xestións para reabrir o areal” e na propia resposta aos deputados do Partido Popular, o Goberno explica que, no marco da Lei de Costas, os representantes do Estado manteñen contactos habituais con diversas administracións locais para temas concernentes á costa polo que “o goberno local pode pedir a colaboración deste departamento estatal”.

A portavoz popular insta, polo tanto, á alcaldesa a buscar o apoio de Costas do Estado “á vista da mala situación económica do Concello froito da mala xestión da alcaldesa polo que previsiblemente a administración local non poderá financiar unha actuación que, segundo a señora Loureiro advertía no ano 2020 facendo referencia a un informe de Costas, superaría os 1,2M€”.

CURIOSIDADES

Gueimunde advirte de “varios aspectos, cando menos, curiosos”. Por unha banda, a alcaldesa do PSOE fixo referencia en varias ocasións ao informe de Costas, pero o Goberno de España non aclara nada sobre a súa existencia”.

Por outro lado, “mentres a alcaldesa fala dun informe de valoración, a tenente de alcaldesa -que ten anunciado reunións con Costas- fala dun proxecto, pero recoñeceu nun pleno ante as preguntas do Grupo do PP que o descoñece”, subliñan.

Finalmente, a popular afea que “o departamento dependente do Goberno de Sánchez estea investindo noutros concellos veciños, pero non invista en Viveiro”. Isto é “un claro indicativo da falta de peso político da rexedora de Viveiro”, segundo considera a voceira do PP.

PRAIA DE AREA

Os populares de Viveiro lembran tamén que “xa advertimos do risco de desprendemento que supón a escollera que sostén as escaleiras de acceso á praia de Area, socavada a consecuencia do temporal, e que se pode vir abaixo”. Os concelleiros do PP xa fixeron coñecedores ao goberno bipartito en Pleno desta situación que afecta á única praia con bandeira azul da que dispuxo o Concello o pasado verán. “O goberno local non pode esquecer facer as xestións que sexan oportunas par reparar a escollera e o acceso á praia.

Exit mobile version