Deputados provinciais e concelleiros do PP mantiveron un encontro cos veciños e veciñas que reclaman habilitar unha zona segura para a circulación dos peóns e a instalación de elementos redutores da velocidade “que garantan a seguridade dos peóns que teñen que poder circular pola parroquia sen xogarse a vida”
Viveiro, 5 de novembro de 2024. O PP reclama ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo que “escoite aos veciños e veciñas da provincia” e, neste caso, “que teña en conta as peticións que levan tempo trasladando os veciños e veciñas da parroquia viveirense de Galdo para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial LU-P-6602, principalmente, nos treitos que discorren entre os núcleos de vivendas”.
O portavoz popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e o viceportavoz, Demetrio Salgueiro, mantiveron un encontro con veciños e veciñas da zona xunto á portavoz do PP local, Mariña Gueimunde, e concelleiros do grupo popular para coñecer máis de preto a súa reivindicación: que se habilite unha zona segura para a circulación dos peóns, na medida que sexa posible, e a instalación de elementos redutores da velocidade “que garantan a seguridade dos peóns que teñen que poder circular pola parroquia sen xogarse a vida”.
Veciños e veciñas da parroquia de Galdo, maioritariamente a xente maior, teñen medo de poñer un pé fóra das súas casas ante o importante volume de tráfico que circula entre os núcleos de vivendas, en boa parte, a gran velocidade pola estrada LU-P-6602 que comunica coa feira de Galdo ou a parroquia ourolesa de Bravos. “Non é seguro andar pola vía que non dispón de marxes para a circulación dos peóns que se vén obrigados a compartir espazo con moitos vehículos que discorren pola vía ao longo do día”. De feito, “fai poucos días un veciño sufriu un atropelo”, lembrou Ameijide.
Ante a situación de perigosidade que os populares puideron comprobar de primeira man, piden ao goberno de PSOE e BNG “sensibilidade con estes veciños e veciñas” toda vez que “cunha pequena intervención poderían mellorar o seu día a día”.
FALTA DE VONTADE OU DE PESO POLÍTICO DO GOBERNO LOCAL
A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, condena que “o goberno local nin contestou nin actuou ante unha queixa que xa lles fora remitida polos veciños e veciñas”. A popular cre que se trata de “falta de vontade da alcaldesa e da tenente de alcaldesa” para dar solución a este problema que os afectados lles teñen trasladado ou “falta de peso político” das dúas dirixentes nos seus respectivos partidos; xa que a Deputación de Lugo está gobernada polas mesmas cores políticas que o Concello e “aínda así non son capaces de lograr que atendan as reclamacións dos viveirenses”.
Os concelleiros do PP de Viveiro comparten a preocupación dos veciños e veciñas da parroquia de Galdo que temen que se produzan máis accidentes de tráfico coma o que sufriu un ancián fai varios días ao ser alcanzado por un vehículo. Recentemente unha muller tivo que botarse á cuneta para evitar ser arroiada por un vehículo.
Os populares pedirán no pleno deste mércores que o goberno municipal, xunto coa Deputación de Lugo, teña en conta as peticións dos veciños afectados e que se tomen as medidas necesarias para garantir a súa seguridade.