Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o goberno local “aproba unilateralmente unha nova ordenanza pouco adaptada ao tipo de postos e que non aclara a localización do mercado de Burela”

Os populares advirten que “as novas restricións e requirimentos” poden derivar no descenso do número de comerciantes ambulantes interesados

Burela, 7 de novembro de 2024. O PP de Burela advirte dunha nova “mala nova” para o mercado semanal dos venres ao considerar que “pode descender o número de postos” ante a “restritiva e pouco adaptada ao tipo de postos do noso mercado” nova ordenanza reguladora que deseñou o goberno local de forma unilateral sen contar coa aportación dos grupo da oposición e que, finalmente, saíu aprobada no pleno extraordinario deste mércores cos votos de PSOE e BNG.

Os populares cren que esta nova norma, que entrará proximamente en vigor e que “resulta razoable nalgúns aspectos, é máis restritiva que a actual para os vendedores de alimentación caseira”. E, ademais, suporá -segundo advirten- “un importante desembolso económico para os comerciantes ambulantes dedicados ao sector da alimentación que, ao mellor, non están dispostos a asumir e que levará ao abandono do mercado dos venres en Burela”.

Os concelleiros do PP agardaban, ano e medio despois, “outro tipo de norma que fora máis flexible, máis adecuada ao tipo de comercio ambulante que hai na vila”.

Así mesmo, condenan que “as sancións leves, como as pequenas discusións, supoñan multas de 750 euros”. Nese sentido, censuran que “a alcaldesa fixera caso omiso a tódalas advertencias sobre sancións e que non fora quen de aclarar quen vai valorar e distinguir entre unha pequena discusión ou unha leve discrepancia”.

Os populares subliñan tamén “a falta de previsión á hora de elaborar esta norma” toda vez que “a suma de tódolos criterios de valoración para as solicitudes alcanza un 110%. É inaudito que superen o 100%, indican.

Outra das advertencias do Partido Popular en relación á nova ordenanza relaciónase coa concesión de licencias. “O texto recolle que serán cada 4 anos, pero terán que renovarse anualmente polo que lle preguntabamos por que non facer concesións anuais, pero non obtivemos resposta”, indican.

LOCALIZACIÓN DO MERCADO SEMANAL DE BURELA

O Grupo Municipal Popular tamén afea que “a norma tampouco aclare onde se vai localizar o mercado semanal dos venres, cando todas as enquisas indican que a preferencia maioritaria é volver ao lugar de orixe: a rúa do centro do pobo”.

“Non sabemos se poderá ser posible. A dúbida segue latente a pesar de dispoñer dunha nova ordenanza reguladora”, explican. “Houbéranos gustado que a alcaldesa fora máis precisa coa ordenanza para marcar as directrices de forma clara”, engaden.

Dende o PP local conclúen que “este é un novo suma e segue no mando, ordeno e fago saber que marca a folla de ruta da señora López Moreno”.

Exit mobile version