Os concelleiros trasladarán ao vindeiro pleno a situación de perigosidade debido aos numerosos socavóns e un novo que coincide nunha curva ante o que o goberno local colocou unha placa metálica que molesta aos veciños
Viveiro, 4 de novembro de 2024. O PP de Viveiro insta ao goberno local bipartito a “reparar de inmediato” os socavóns que se estenden ao longo da vía da avenida de Santiago, no barrio do Conexo, da parroquia de San Xoán de Covas. Os concelleiros levarán esta reivindicación ao pleno ordinario que este mércores está previsto que celebre a corporación municipal.
Os populares inciden en que o firme da estrada que comunica a fonte de Covas coa casería presenta “cada día máis deterioro”: son moitos os socavóns ao longo de toda a vía que supoñen un perigo para os condutores. Agora, concretamente, hai unha nova fochanca especialmente perigosa porque se sitúa “nunha curva e cruce de camiños”.
Ademais, advirten de “zonas afundidas que cada vez son máis habituais e que poden indicar un problema maior”. É por iso polo que queren trasladar formalmente ao goberno local a problemática desta vía “co ánimo de que teña en conta a necesidade de actuar para garantir a seguridade”.
Os concelleiros do PP condenan, ademais, que “a única medida que tomara o Concello ata agora sexa a colocación dunha placa metálica para tapar buratos, un parche provisional que molesta terriblemente aos veciños polo ruído que provoca o seu movemento cada vez que pasa un vehículo por enriba”.