Os populares defenderán esta iniciativa no vindeiro Pleno municipal atendendo a un dos puntos do acordo: unha subvención anual da Deputación que alcance o 50% do custe do seu funcionamento
O 7 de xullo do 2023, coñeciamos o acordo que lle daría a alcaldía á señora Loureiro e a tenencia da alcaldía á señora Bermúdez; xa que “Bernardo Fraga, portavoz de XViveiro, facía públicos os 15 puntos que lle empuxaron a apoiar a investidura”. O primeiro deles era unha subvención anual que alcanzara o 50% do custe do Conservatorio Municipal por parte da Deputación de Lugo.
A razón de 0,55M€ que supón o 50% do seu funcionamento cada ano, “a Deputación Provincial de Lugo débelle a Viveiro 1,1M€ dos exercicios 2023 e 2024”, incide a popular. Pero, a esta cantidade hai que sumar a partida correspondente ao vindeiro ano 2025 doutros 0,55M€ polo que o goberno provincial debe habilitar un total de 1,65M€.
ARQUITECTURA, HISTORIA E MÚSICA
O Conservatorio de Viveiro é un dos edificios históricos máis representativos da arquitectura de primeiros de século na nosa cidade. A súa construción data de 1911 e o seu estilo ecléctico, xunto ao xa desaparecido Casino de Viveiro, formaban un conxunto harmónico e inigualable que achegaba dinamismo, categoría e señorío á fachada marítima da nosa cidade.
Antigamente sede do elegante Hotel “Villa Venecia”, un dos primeiros establecementos hostaleiros no noso concello, e hoxe convertido en Conservatorio Profesional, é o epicentro da música en Viveiro e berce de músicos e profesionais da comarca da mariña e Ortegal.
As súas actividades formativas sinálanlle como o máis destacado centro cultural, expositivo e de promoción de mozos e non tan novos talentos que teñen neste espazo a oportunidade de exhibir as súas aptitudes e establecer vínculos sociais e aprendizaxes musicais que os forxarán como profesionais do mañá. Destaca, ademais, a súa disposición e colaboración con actos, festas e efemérides do concello, “moi de agradecer como viveirenses”, segundo destacan os populares.
A relevancia que ten para o Concello este servizo municipal, ofrecido por persoal municipal, só queda empanado polo gran custo que supón mantelo: en torno a 1,1M€ anuais.
Ademais, presenta deficiencias propias do uso e do paso do tempo que habería que valorar e corrixir, tanto no interior como na fachada e os balcóns do inmoble, ademais de proceder á insonorización das aulas e a modernización do mobiliario.