Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro afea ao goberno local que “a súa única proposta para mellorar a situación da piscina municipal sexa subir un 20% a taxa aos usuarios”

Os concelleiros do Partido Popular, como grupo maioritario da corporación municipal, están a traballar con rigor e achegan propostas para mellorar Viveiro como a rehabilitación e mellora dos accesos ao cemiterio municipal ou a mellora da seguridade no entorno da zona escolar

Viveiro, 7 de novembro de 2024. O PP de Viveiro advirte que “o goberno local sube nun 20% a taxa por uso da piscina municipal”. A portavoz, Mariña Gueimunde, explicou que “non podemos apoiar esa suba de repente cando non se atenderon as necesidades das instalacións – cun vaso que segue pechado despois dun ano, goteiras, máquinas oxidadas…- e cada vez se perden máis socios pola perda de servizos”.

Os populares critican que “o goberno local deixe nas mans dos usuarios a cobertura de parte do déficit -aproximadamente 56.000 € dos 300.000 € ao ano de déficit que supón para o Concello- ao non propoñer ningunha outra medida como o estudo de gastos para tratar de diminuír nas partidas que sexa posible. É máis, a única medida proposta por agora polo bipartito pode levar ao descenso do número de abonados.

“Coa transferencia de créditos da partida de ingresos extraordinarios pola participación de tributos do Estado á partida para enerxía eléctrica demóstrase o que advertiramos dende o Grupo Municipal Popular: “que a partida consignada para o pago das facturas da luz polo goberno bipartito nos orzamentos deste 2024 aprobados en xullo -776.000 €- era insuficiente” porque o custo estimado para esta anualidade supera 1M€.

Os concelleiros do PP condenan que “o bipartito dirixa unha partida extraordinaria a pagar gastos correntes” cando “se podía dirixir a investimentos”. Así reafírmanse en que “o máis de 1M€ en facturas pendentes de pago do 2023 que foron asumidas nesta anualidade condiciona a marxe para investir neste 2024”.

Os concelleiros do PP apoiaron a modificación de distintas ordenanzas fiscais porque “é imprescindible para que Viveiro poida optar a ser Concello Emprendedor”. De feito, é unha continua reivindicación do Grupo Municipal Popular que incluso recollía no seu programa electoral porque “este programa recolle medidas como a bonificación de taxas e impostos vinculados á implantación de calquera nova actividade económica e, polo tanto, favorecen a implantación de novas empresas”. Ademais, supón maior puntuación para o Concello á hora de optar a subvencións de concorrencia competitiva.

O Grupo Municipal Popular apoiaron tamén a proposta sobre a variante de Viveiro. Gueimunde lembrou ao respecto durante a sesión plenaria deste mércores que “Viveiro perdeu 20 anos polo enredo do propio Concello” xa que “o goberno local rexeitou a proposta do 2004 que agora si considera acertada, despois de ter que pasar por un procedemento contencioso-administrativo que perdeu o Concello”. Ademais, subliña que “os responsables do goberno municipal eran naquel momento PSOE e BNG -o portavoz actual de XViveiro era o portavoz do BNG- e que, incluso, gobernou o bipartito na Xunta entre o 2005-2009 pero non considerou a variante de Viveiro prioritaria porque a que sacou a licitación naquela época foi a de Ortigueira”.

Noutra orde de asuntos, dende o Grupo do Partido Popular afearon a falta de solucións por parte do BNG, grupo responsable da área de medio ambiente no goberno local, ao “rexeitar o modelo de SOGAMA, pero sen propoñer ningún outro modelo para a xestión dos residuos” que, por certo, “o Goberno do Estado grava con importantes impostos sobre o vertido e a produción de enerxía”.

MELLORAS NO CEMITERIO E NA ZONA ESCOLAR

O Grupo Municipal Popular, como grupo maioritario da corporación local, está a traballar “con rigor defendendo os intereses dos viveirenses e achegando propostas para a mellora do noso municipio”.

Os concelleiros do PP lograron no último pleno o apoio de tódolos grupos da corporación municipal para aprobar a súa iniciativa para instar ao goberno bipartito a impulsar a rehabilitación, conservación, acceso e servizos do cemiterio municipal de Altamira. A portavoz, Mariña Gueimunde, lembra que “o muro lateral cara ao monte San Roque leva 20 anos agardando unha solución”. Á vista de que esta mellora redundaría no beneficio dos veciños e veciñas de Viveiro, “agardamos que o bipartito cumpra o acordo” a diferencia do xa adoptado tamén por unanimidade en decembro de 2019 habilitar un aparcadoiro e mellorar os accesos ao camposanto para persoas con mobilidade reducida.

Os populares tamén trasladaron ao goberno bipartito a súa proposta para acondicionar e mellorar a seguridade no entorno escolar ampliando as beirarrúas, aumentando a iluminación nos pasos de cebra e habilitar a construción dunha glorieta para facilitar a circulación no horario escolar para evitar o colapso na zona coincidindo co transporte escolar.

Exit mobile version