Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lourenzá insta ao goberno municipal a tomar medidas para o control da praga de pombas no centro de Vilanova

Os populares convidan ao goberno socialista a “tomar en serio este problema” ante as queixas dos veciños e veciñas do entorno da praza Linares Rivas e casas abandonadas coma a Casa de Cándido

Lourenzá, 6 de novembro de 2024. O PP de Lourenzá piden ao goberno municipal que “tome medidas de forma urxente” ante o malestar que xera entre os veciños e veciñas de Vilanova “a invasión de pombas que viven e aniñan en casas abandonadas do entorno Linares Rivas coma a Casa de Cándido e mesmo na igrexa e no mosteiro”.

Os populares instan ao Concello a estudar medidas para o control de pragas deste tipo de forma efectiva e respectuosa co medio ambiente e desenvolver o método que se considere máis axeitado como poden ser repelentes naturais ou inhibidores ultrasónicos, entre outros.

Os concelleiros do PP explican que “os veciños están fartos” porque os excrementos da gran cantidade destas aves causa danos nos tellados, arruína a aparencia dos edificios, provoca acumulación de sucidade nas rúas da zona e obstrúe canalóns e outros sistemas de drenaxe. Hai que lembrar, ademais, que “a incontrolada proliferación destas aves poden portar enfermidades que poden ser transferidas a humanos”.

Os populares convidan ao goberno local “a tomar en serio este problema” que se pode incrementar e ter importantes consecuencias.

Tamén convidan aos responsables municipais a atender as súas competencias por lei como é a de ordenar a execución das obras necesarias para conservar as edificacións en condicións de seguridade, salubridade e ornato público no caso de que non as manteñan os seus propietarios.

“É importante tomar certas medidas para previr que as pombas aniñen como poden ser o selado de portas, ventás e gretas en edificacións abandonadas”, así coma “evitar o estancamento de augas”; ademais de “evitar alimentar a estas aves”, segundo indican.

Exit mobile version