Os populares condenan tamén “a actitude ditatorial e autócrata da señora alcaldesa”; xa que “lle negou ao portavoz do PP o turno de palabra por alusións a pesar de que calquera concelleiro ten dereito por norma”
Burela, 6 de novembro de 2024. “O PP de Burela non se equivoca nas súas predicións”. Así o manifestan os concelleiros tralo pleno extraordinario deste mércores en relación á creación da Comisión de Memoria Histórica abordada nun pleno de abril no que os populares advertiron á señora alcaldesa que era “ilegal o que pretendía facer”.
Os populares presentaron posteriormente varios escritos por rexistros solicitando que “revocara a situación de forma voluntaria”. Pero, “visto que non atendeu a razóns o Grupo Municipal Popular presentou un recurso de reposición para que a propia alcaldesa e o goberno local reverteran a situación, pero pasado o prazo tampouco se resolveu”.
“Foi cando o PP deu un paso máis para restablecer a legalidade presentando un recurso contencioso-administrativo no Xulgado, cando a alcaldesa decidiu presentar a pleno a creación da Comisión de Memoria Histórica, fóra de prazo, e desta vez si rectificando as cuestións que eran ilegais e que lle advertira en varias ocasións o Grupo Municipal Popular”, segundo subliña o portavoz, Manuel Rouco.
Como poden comprobar os veciños e veciñas de Burela, “as afirmacións, propostas e indicacións dos concelleiros do Partido Popular son acertadas”, subliña.
ACTITUDE DITATORIAL DA ALCALDESA
Os populares condenan tamén “a actitude ditatorial e autócrata da señora alcaldesa”; xa que “lle negou ao portavoz do PP o turno de palabra por alusións, a pesar de que calquera concelleiro que sexa aludido no Pleno ten dereito a un turno de palabra extraordinario, como está recollido no artigo 94 do Regulamento de Ordenación e Funcionamento (ROF)”.
“É moi difícil que un Concello coma o de Burela saia para adiante cando aos seus mandos está unha persoa que ten este tipo de comportamentos”.