Os deputados populares recordan que o principal problema que afecta a Alcoa é o prezo da enerxía “sobre o que o Goberno de España ten a competencia”, sendo necesario un marco enerxético estable e un prezo asequible do que si dispoñen outros países europeos para que a nosa industria electrointensiva compita en igualdade de condicións
Lugo, 26 de novembro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a postura tomada por PSOE e BNG de posicionarse en contra de apoiar aos traballadores de Alcoa e da continuidade da actividade da factoría na Mariña ao votar contra a moción do PP que pedía instar ao Goberno de Pedro Sánchez a convocar a mesa de seguimento do acordo de Alcoa de forma urxente, autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía á planta e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que con esta postura, dende o goberno provincial queren manter “a situación de incerteza” de Alcoa nun contexto no que o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do pacto no que están representados a empresa, os traballadores e as administracións públicas.
A convocatoria da mesa de seguimento “é fundamental” para entre todos os actores implicados acadar a continuidade da factoría e dos postos de traballos. “O Goberno central seguen sen convocala, esa é a realidade”, sinalou.
“A realidade é que o principal problema é o prezo da enerxía e o Goberno de España ten a competencia. Falta un marco enerxético estable e un prezo asequible do que si dispoñen outros países europeos. Necesítase para que compitan en igualdade de condicións co resto da industria electrointensiva europea”, concluíu.
Dende o Grupo Provincial Popular recordan que os propios representantes dos traballadores manifestaron o seu malestar “porque dende o Goberno central nin dende o Ministerio fixeron nada por solucionar o problema, é máis, afirman que o propio ministro nin se puxo en contacto cos traballadores”.
MELLORA DAS ESTRADAS PROVINCIAIS DA ZONA SUR
Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a falta de coherencia do PSOE e do BNG que votaron en contra dunha iniciativa que reclamaba o arranxo das estradas da Deputación nos concellos da zona sur da provincia “mentres os concelleiros de PSOE e BNG neses mesmos municipios votan a favor das iniciativas do PP para mellorar o mantemento das carreteras provinciais, ou incluso as presentan eles mesmos”.
Antonio Ameijide recorda que esta é a principal reclamación dos veciños da provincia en 66 dos 67 municipios da provincia. “Todos os concellos teñen a rede viaria da Deputación en mal estado, agás o concello no que goberna José Tomé que as ten en perfecto estado de revista”, sinalou.
Para os populares é fundamental desenvolver un plan para a reparación, mellora e mantemento das vías provinciais como están a reclamar de xeito reiterado á vista das queixas que lles trasladan alcaldes, portavoces e os propios veciños, neste caso os veciños dos municipios do sur da provincia – como Bóveda, A Pobra do Brollón, Pantón, Sober ou Carballedo, por citar algúns – que ocasionan trastornos diarios aos usuarios ao dificultar a súa mobilidade e, ademais, a conexión dos visitantes con puntos de interese turístico da Ribeira Sacra.