Viveiro, 8 de novembro de 2024. A Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro, responsable da área de Obras, pon en marcha un proxecto de mellora da sinalización viaria no Polígono Industrial de Landrove.
Esta actuación ten como obxectivo reforzar a seguridade nas vías internas do polígono mediante o repintado de pasos de peóns e a instalación de sinais viarias de ceda ao paso e stop, empregando pintura de alta visibilidade con microesferas de vidro.
A tenenta de alcaldía, Míriam Bermúdez, subliñou que este proxecto responde á necesidade de garantir a seguridade de peóns e condutores nunha área de importante actividade económica.
“Queremos asegurar que o Polígono de Landrove conte cunha sinalización moderna que facilite a circulación segura e ordenada, promovendo un ambiente de traballo máis seguro para todas as persoas que acceden á zona,” declarou Bermúdez.
Estas actuacións, cun investimento significativo, están enmarcadas no plan de manter e mellorar as infraestruturas municipais, reforzando as condicións de seguridade en áreas de alta actividade como o Polígono Industrial de Landrove.