Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno aproba os Orzamentos 2025 da Deputación para reforzar o proxecto de progreso social e económico para a provincia con 130M€

O Goberno provincial sacou adiante uns presupostos que soben case un 12% grazas aos fondos do Estado e “centrados en achegar os servizos públicos e en promover a actividade económica. Dous factores esenciais para contribuír a fixar poboación”

Lugo, 26 de novembro de 2024. A Deputación de Lugo aprobou este martes no Pleno os Orzamentos do ano 2025 que, con máis de 130M€, reforzarán o proxecto de progreso social e económico para a provincia. Así o manifestou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, na sesión plenaria celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, e na que subliñou que o presuposto sube case un 12%, grazas aos fondos do Estado.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, valoraba antes da sesión provincial ante os medios de comunicación que “hoxe é un bo día para a provincia de Lugo”. “Un documento que nos permitirá seguir mellorando a provincia neses catro piares que sustentan a acción deste Goberno”, citando á mobilidade, a cooperación cos concellos, as políticas sociais e o apoio aos sectores produtivos.

Incidiu a Deputada en que o proxecto está “centrado en achegar os servizos públicos e en promover a actividade económica. Dous factores esenciais para contribuír a fixar poboación” e destacou que a Deputación de Lugo é unha Administración que cumpre, cunha execución do gasto que o ano pasado superou o 87%.

López Moreno valorou os orzamentos como “investidores, sociais e claramente expansivos”, porque sobe o capítulo destinado a investimentos reais en practicamente un 16%, ata os 19,14M€; as transferencias correntes en preto dun 14%, ata os 17,8M€; e os fondos destinados ás políticas sociais volven supoñer preto dun terzo do Orzamento, subindo un 8% máis ata acadar os 41,2M€.

Unha rede de protección social ampla con 11M€ para as residencias

A Deputación dedica nos Orzamentos do 2025 preto de 11M€ para os 9 centros de atención a maiores que hai en servizo – Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil – e continuar cos proxectos comprometidos noutros 9 concellos da provincia. Co compromiso do Presidente, José Tomé Roca, de abrir neste mandato as residencias de Becerreá, Guitiriz e A Pontenova.

O Servizo de Axuda no Fogar seguirá contando co financiamento da Deputación, que investirá 3,4M€ para a súa prestación. Ademais a institución provincial manterá o servizo de teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, o Goberno provincial inclúe 1,4M€ a colaborar con diferentes asociacións que traballan contra a pobreza e a exclusión social para reforzar a rede de apoio que estes colectivos ofrecen ás persoas que máis o necesitan.

Polo que respecta ás políticas de emprego contarán con 4M€ para favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación; educación, con preto de 3M€, tanto para o Centro de Formación Audiovisual da Deputación –o único público desta rama na provincia-, como para o apoio da Universidade pública os recursos para as políticas vinculadas coa igualdade; Deportes; Cultura e Artesanía e Deseño.

Máis fondos para estradas provinciais e municipais

A mellora da mobilidade “é outro dos grandes piares dos Orzamentos”, explicou e por iso, detallou, a Deputación destinará ás estradas máis do 21% do total dos seus fondos, incrementando por riba dos 27M€, tanto para obra nova, como para conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais. Un incremento que supón un 42% máis respecto ao 2024, cando a institución provincial destinou a estradas 19,4M€.

“A mobilidade é un dereito máis da cidadanía e un factor determinante para o equilibrio territorial e para fixar poboación no rural, así como para dinamizar a economía en sectores como o turismo”, valorou Carmela López. No o 2019 as partidas da Deputación sumaban algo máis de 14M€, polo que en seis anos case se duplicaron os fondos destinados a estas partidas.

Incremento do Plan Deputación de cooperación cos concellos

O Goberno da Deputación sube o Plan Deputación de cooperación cos Concellos ata os 22M€, “un programa que fai un reparto transparente e obxectivo dos fondos públicos da institución entre os 67 concellos da provincia”, tal e como explicou a Deputada de Economía.

Reforzo aos sectores produtivos e nova granxa de Porco celta

A Deputación sobe tamén, en case un 19%, ata os 13,4M€ as partidas destinadas ás actividades estratéxicas na economía e no emprego, como o sector primario, o comercio, a hostalería e o turismo. Neste sentido, a Granxa Gayoso Castro conta cun orzamento de máis de 2M€. Antes da sesión, o Presidente lembrou que para o próximo ano a institución provincial impulsará a construción dunha granxa de Porco Celta na finca Gayoso Castro cun investimento superior ao millón de euros para recuperar esta raza autóctona e para a transferencia do coñecemento como axuda ó sector.

“Unha nova infraestrutura que creará novas oportunidades formativas no Campus Terra”, tal e como valorou Tomé Roca, que sinalou que esta nova dotación ofrecerá ao alumnado espazos modernos para a formación e a innovación e axudando á Facultade de Veterinaria a superar a avaliación que vai ter o próximo ano, para que se manteña nas primeiras do mundo do Ránking de Shangai.

Ademais o presuposto destinará 3,3M€ a iniciativas vencelladas co sector do turismo coas que consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e de experiencias que achegue valor ó territorio. E outros 3,8M€ para os recursos vencellados á area de Medio Ambiente destinados á conservación e a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e, ao mesmo tempo, para impulsar toda esa riqueza medioambiental como unha oportunidade para o desenvolvemento da provincia.

Declaración institucional en apoio aos afectados pola Dana

Aprobada ademais por unanimidade unha declaración institucional en solidariedade e apoio á veciñanza e aos concellos afectados pola Dana de finais de outubro e que afectou especialmente ás provincias de Valencia e Albacete.

Mediante este texto a institución provincial defende a unidade de todos ante esta catástrofe, comparte a predisposición e apoio necesarios á hora de favorecer e implementar todas aquelas declaracións e plans de axuda, valorar o traballo “indiscutible” dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, as Forzas Armadas, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as organizacións non gobernamentais, sanitarios e medios de comunicación; e agradece a disposición mostrada polos voluntarios e voluntarias anónimos de todo o país.

Exit mobile version