Julio Abalde alerta de que o goberno galego está a recoñecer que o Plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo “non existe”
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024. A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que poña en marcha de inmediato as axudas para os traballadores do mar afectados polas paradas biolóxicas. O portavoz de Pesca, Julio Abalde, presentou esta iniciativa fundamental para garantir a supervivencia de milleiros de postos de traballo afectados pola drástica caída da produtividade.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha de forma inmediata as medidas que deberían estar incluídas no Plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025. Sen embargo, alerta de que as medidas que ten aprobado o goberno galego onte mesmo non teñen “nada que ver” coa defensa e o mantemento dos postos de traballo, ademais de que o dito Plan “non aparece para nada, co que están a recoñecer que non existe”.
Esixiulle á Consellería do Mar que poñan en marcha “de inmediato” o dito Plan e que constitúa un fondo de apoio e axuda aos traballadores do sector, que “non se ve en ningunha das medidas que anuncian cada semana.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Poñer en marcha de modo inmediato as medidas do Plan de competitividade e sostenibilidade do marisqueo de Galicia 2024-2025 no relativo ás axudas estables para os traballadores do mar afectados polos períodos de paralización da actividade como consecuencia da baixa produtividade dos bancos marisqueiros.
2. Aplicar criterios realistas, negociados co sector, así como unha xestión burocrática áxil para acceder á solicitude e concesión da axuda”.