“A Axuda no Fogar é unha prioridade para o goberno local”, asegura a alcaldesa, María Loureiro, que lembra que “a achega da Xunta de Galicia é insuficiente”
Viveiro, 11 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro adxudicou de foma definitiva á empresa Idades SL o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas súas dúas modalidades de libre concorrencia e dependencia.
Este novo contrato, que ten un prazo inicial de dous anos con posibilidade de prórroga de dous anos máis, permitirá continuar prestando un servizo esencial que conta cun elevado número de usuarios, en torno aos 250.
O custo por hora previsto na licitación é de 20,39 euros por hora, máis o 4% de IVE, polo que a suma total do contrato no prazo inicial do mesmo é de 3.520.129,60 euros.
“É importante destacar a importancia da Axuda no Fogar e sinalar que a achega da Xunta de Galicia é insuficiente, xa que aporta 12 euros por hora na modalidade de dependencia, cando o custo por hora no contrato é de 21, e nin un só euro na modalidade de libre concurrencia”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.
Nese sentido, considera necesario “que a Xunta de Galicia asuma o total do custo en dependencia, ao ser unha competencia autonómica, e aporte cartos para a modalidade de libre concurrencia”.
No caso do SAF de libre concurrencia, no ano 2023 tivo un coste de 402.653,35 euros, dos que a Xunta de Galicia non achegou nada.
“Este importe pagouse integramente entre fondos propios do concello, a achega mínima que fan os usuarios do servizo e os 200.000 euros que achega a Deputación de Lugo”, remata a alcaldesa.