Viveiro, 13 de novembro de 2024. O Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro visitou o Parlamento de Galicia, onde participou nun debate sobre as necesidades e inquedanzas tanto da infancia coma da adolescencia na sociedade galega actual.
Os mozos e mozas de Viveiro compartiron espazo e experiencias cos representantes dos diferentes grupos parlamentarios, nun encontro no que se subliñou a importancia de darlle voz á mocidade na vida social e política da comunidade.
Emily, integrante do grupo de Viveiro, foi a encargada de pronunciar un discurso no que destacou a urxencia de contar cunha representación activa e real da infancia e da adolescencia nas decisións que afectan á súa vida cotiá.
“É necesario, por non dicir obrigatorio, que todos os municipios teñan un grupo de participación infantil e adolescente activo”, sinalou Emily, facendo fincapé no dereito dos mozos e mozas a expresar as súas opinións e a ser escoitados, especialmente nos asuntos que afectan ás súas comunidades.
Pola súa parte, a concelleira de Xuventude de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, subliñou o compromiso do Concello coa participación xuvenil e agradeceu o apoio de UNICEF Galicia a estes espazos.
“Queremos darlle as grazas a UNICEF Galicia, ao Parlamento de Galicia e a todos os políticos e persoas que fixeron posible que estes espazos se abran aos nosos mozos e mozas, brindándolles así a oportunidade de sentirse parte da sociedade na que viven”, agradeceu a concelleira de Xuventude de Viveiro.
Para a mocidade, este foro foi unha oportunidade para reafirmar o seu papel no presente. “Sempre nos din que somos o futuro, pero en realidade tamén somos o presente, e temos moitas cousas que contar”, comentou Emily, reafirmando a importancia de crear espazos que permitan á xuventude galega expresar os seus anhelos e traballar da man cos representantes políticos para atopar solucións efectivas ás súas necesidades.
“En definitiva, máis presuposto para a infancia, máis protagonismo, máis reunións coas autoridades, e sobre todo, menos adultocentrismo” concluía Emily.