Carlos López Font critica a “falla de vontade política” da Xunta, que “non moveu un papel” dende 2021 para cumprir co acordo Parlamentario que pide a cesión aos concellos dos terreos de Portos que xa non utiliza
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024. O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista, Carlos López Font, reclamoulle hoxe á Xunta que inclúa na Comisión Mixta de Transferencias a reversión dos terreos portuarios aos concellos. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle pediu ao goberno galego que fixe un mecanismo de reversión a favor dos gobernos locais dos terreos que Portos de Galicia xa non utiliza.
O responsable socialista criticou a “falla de vontade política” do goberno galego, que a día de hoxe “non moveu un papel” para cumprir co acordo parlamentario que se remonta ao ano 2021 para cederlle aos gobernos locais os terreos de titularidade portuaria autonómica de uso portuario residual ou inexistente. Estes espazos, explicou, teñen unha gran utilidade para os concellos, así como os colectivos sociais, culturais ou deportivos que os demandan para as súas actividades.
Empraza ao goberno galego a aproveitar a inminente convocatoria da Comisión Mixta para incorporar este asunto na orde do día, xa que é a vía “máis natural” para avanzar en protocolos comúns e acordos entre administracións. López Font reclamoulle ao goberno galego que axilice o proceso de desafección destes terreos, que pasarían a formar parte de Costas e entón é o Estado quen finaliza o proceso de transferencia.