A sesión inclúe as comparecencias, a petición propia, das conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, e do Medio Rural
Compostela, 26 de novembro de 2024. O Grupo Popular levará ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana as solicitudes ao Goberno central para que convoque, de xeito urxente e inmediato, a mesa de seguimento do pacto de viabilidade da factoría de Alcoa en San Cibrao, así como que transfira a Galicia a competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coas comparecencias, a petición propia, das conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, expoñer os proxectos e programas a desenvolver desde o seu departamento a curto, medio e longo prazo; e do Medio Rural, para dar conta dos resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha vez rematada a tempada de alto risco de lumes de 2024.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará diversas actuacións do Goberno central para garantir a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña lucense. En concreto, solicitará a convocatoria inmediata da mesa de seguimento do pacto de viabilidade desta empresa, coa participación ao máis alto nivel dos titulares dos ministerios de Industria e Turismo e de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; unha consignación de 74 millóns de euros correspondentes ao mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, que non percibiu esta empresa entre os anos 2018 e 2021; a autorización dos parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá; e a articulación dunha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado.
INCAPACIDADE DO GOBERNO CENTRAL
Alberto Pazos lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez está a demostrar a súa incapacidade para poñer enriba da mesa un marco enerxético estable e competitivo que garanta o futuro de Alcoa na Mariña lucense, ao que se engadiu recentemente que esta factoría non poderá optar nesta anualidade a recibir ás axudas do mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, nin beneficiarse dos recursos procedentes dos fondos europeos vinculados ao Perte para a descarbonización”.
Pola contra, salientou “o compromiso da Xunta con esta empresa” e mostra disto lembrou a reunión mantida polo Presidente da Xunta co Comité de Empresa, na que lle trasladou a absoluta disposición a acudir a unha reunión en Madrid ao máis alto nivel con representantes do Goberno central. “Este compromiso do Goberno galego tamén se pon de manifesto no cumprimento dos seus deberes tanto coa tramitación dos parques eólicos dependentes da Administración galega como da ampliación da balsa de lodos vermellos”.
INFORMACIÓN PRECISA SOBRE METEOROLOXÍA
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo solicitar ao Goberno do Estado a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos, iniciando os trámites para establecer un marco normativo propio. Alberto Pazos sinalou que “os últimos acontecemos ocorridos en Valencia e outras comunidades autónomas por fenómenos meteorolóxicos adversos, así como os acaecidos en Galicia na última alerta activada, poñen de manifesto a importancia de ter información precisa sobre os cambios meteorolóxicos, así como a potestade de poder activar alarmas, baseándose na proximidade dos servizos e a precisión aportada pola experiencia”.
Neste sentido, o portavoz popular explicou que o artigo 149.1.20 da Constitución Española establece como competencia exclusiva do Estado o servizo meteorolóxico, circunstancia que non debería ser inconveniente para que Galicia reciba a súa transferencia, xa que existe unha previsión no Estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 27 núm. 32 que fai referencia “as restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidos polo Estado”.
“Consideramos que se o Goberno central ten verdadeira intención para traspasar a Galicia esta competencia existe un marco legal para poder facelo, aínda que, despois da experiencia que estamos a sufrir co traspaso das competencias e dos medios humanos e materiais para que Galicia asuma as súas competencias sobre o seu litoral, non somos moi optimistas para que, finalmente, as competencias en materia de meteoroloxía recaian na Administración galega”, manifestou.
Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as repercusións que terá na sanidade galega a posible transferencia de usuarios de MUFACE ao sistema sanitario público; as novidades que a Xunta introduciu no Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións de Galicia como consecuencia da recente actualización levada a cabo; e sobre o incumprimento dos compromisos do Goberno de Pedro Sánchez respecto de aplicar de forma inmediata os descontos comprometidos nas autoestradas estatais en Galicia, logo de que nas últimas semanas se publicaron diversas informacións sobre subas nas peaxes para 2025.