Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Viveiro busca o apoio de Augas de Galicia para reparar os servizos de auga e saneamento

Falouse tamén dos plans especiais de inundacións e da renovación integral da ETAP de Landrove

Viveiro, 26 de novembro de 2024. O Concello de Viveiro mantivo esta mañá unha reunión con Augas de Galicia para demandar melloras nas redes de auga e saneamento.

En concreto, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, mantiveron hoxe unha reunión co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, acompañadas polo arquitecto municipal, Santiago Meitín. A xuntanza contou tamén coa presenza dos portavoces do PP, Mariña Gueimunde, e de Por Viveiro, Manolo Galdo.

Durante a xuntanza, Míriam Bermúdez tenenta de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente e Medio Rural, puxo o foco na urxencia de renovar as redes de fibrocemento, que suman 15,1 quilómetros no municipio e teñen máis de 40 anos de antigüidade.

Este material desgastado xera frecuentes fugas e avarías que afectan a eficiencia do sistema. Entre 2021 e novembro de 2024 rexistráronse máis de 70 avarías, especialmente na zona de Magazos. Só no que vai de 2024, rexistráronse 12 avarías, o que evidencia a deterioración das infraestruturas actuais.

Bermúdez destacou que para a substitución dos tramos máis críticos, nas estradas LU-161 e LU-540, é necesario un investimento de 618.068,34 euros. Esta actuación permitirá modernizar máis de 1.900 metros de canalizacións, reducindo perdas de auga e garantindo un servizo máis eficiente e sostible para a veciñanza.

Ademais, abordouse a renovación integral da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Landrove, en funcionamento desde os anos 70. A instalación necesita unha modernización que inclúa novos sistemas de captación, potabilización e automatización para adaptarse ás normativas vixentes e mellorar a calidade do subministro, prevendose un orzamento de 4.816.188,32 euros para acometer as melloras.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o delegado da Xunta, Javier Arias, mostraron o seu compromiso para buscar vías de colaboración que permitan acometer estas actuacións prioritarias.

“As cifras de avarías son alarmantes e deixan clara a necesidade de modernizar estas infraestruturas,” afirmou Míriam Bermúdez ao termo da reunión. “Estas melloras son imprescindibles para garantir un Viveiro máis sostible e cun servizo de calidade para a veciñanza”, engadiu a alcaldesa.

María Loureiro interesouse tamén polos plans especiais de inunciacións das tres zonas existentes no municipio con máis risco ou perigo. Unha delas é a de Xunqueira, cuxo Plan Espacial xa está feito e xa se vai executar.

Outra das cuencas nesta situación é o Rego da Trasposta, para o que Augas de Galicia ten elaborado o Plan Especial do Risco de Inundación, polo que a alcaldesa preguntoulle a Roi Fernández se había algunha previsión para a súa execución. Finalmente, tamén falouse da zona de Pe de Boi, onde aínda non se elaborou este plan especial.

Desde o Goberno de Viveiro, agradeceron a implicación das administracións presentes, confiando en avanzar conxuntamente para facer realidade estas melloras tan necesarias para o municipio.

Exit mobile version