A Mariña, 12 de novembro, 2024. Aprender de experiencias que poñen en valor o patrimonio cultural ligado ao mar, á zona costeira e á tradición mariñeira, é unha boa maneira de fomentar o crecemento económico do territorio a través de iniciativas que potencien a economía azul. A cultura é un importante elemento que pode dinamizar e servir de base para que o sector pesqueiro se involucre en proxectos que van máis alá do puramente produtivo e extractivo, vinculado aos recursos pesqueiros.
O patrimonio cultural é un factor que contribúe ao desenvolvemento turístico é á xeración de riqueza nas zonas costeiras, motivo polo cal dende o GALP A Mariña Ortegal se está organizando unha xornada que abordará esta temática, co obxectivo de promover proxectos que incrementen o valor engadido para o sector pesqueiro e contribúan á diversificación das súas actividades, aprendendo destas iniciativas. A xornada, aberta ao público, desenvolverase na Casa do Concello de Xove, o vindeiro martes día 19 de novembro a partir das 18:30 horas.
Nestas xornadas participarán dúas experiencias de referencia a nivel galego. Por unha banda, presentarase a iniciativa “eufundevivo”, creada no ano 2019, centrada no desenvolvemento local e turístico de San Andrés de Teixido, sendo a valorización do patrimonio un dos eixes centrais do proxecto, que se complementa coa investigación e interpretación dos diferentes recursos que proporciona o territorio. Este proxecto é promovido por Serxio Muíño Freire, doutor en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, que recentemente acaba de presentar a súa tese, coa máxima distinción, “A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.
Outra das experiencias que se vai a presentar é a de aAntena. Fundada en 2016, nace co obxectivo de escoitar e prestar atención a esas pequenas historias que engrandecen a realidade humana, entre elas, a historia dos naufraxios na Costa da Morte. Forman esta iniciativa Bernardino Martínez, pedagogo, produtor e autor teatral camariñán; e Xosé Leis, actor, director e pedagogo teatral coruñés. Desenvolven o espectáculo “Naufraxios na Costa da Morte ”, en distintas localizacións da costa, coa idea de ofrecer un percorrido diferente contribuíndo así a crear unha experiencia turística que afonde no patrimonio invisible. Recentemente poñen en marcha o proxecto MAN (Mar Arte Naufraxios), co obxectivo de fusionar as artes tanto naturais, como as tradicionais coa intención de recuperar a nosa historia, así como fomentar o amor polo noso patrimonio e pola nosa historia e identidade.