A alcaldesa, María Loureiro, mantivo unha primeira reunión coa comisión, que se encargará da programación dos días 14,15 e 16 de agosto en coordinación coas actividades que organiza o propio Concello
“Estamos encantados de que un grupo de xente moza colla as rendas destes tres días de festas”, explica a alcaldesa, María Loureiro, quen mantivo unha reunión con eles o pasado sábado como primeira toma de contacto para traballar no calendario festivo.
Así, as festas patronais coordinaranse cos actividades culturais que o Concello de Viveiro organiza no mes de agosto, como a Feira do Libro ou a Feira de Artesanía, ademais daquelas nas que colabora, como a Mostra Folclórica Internacional ou o desfile de Xigantes e Cabezudos.
Na seguinte reunión, na que participará a concelleira de Cultura, Lara Fernández, a nova comisión de festas presenetará un proxecto a partir do que empezar a traballar nesa coordinación.
O Concello de Viveiro, un dos poucos nos que a organización das festas patronais non corría a cargo dunha comisión, xa fixera un chamamento para cambiar esta situación e saúda a iniciativa destes mozos.