“Dispoñer destes instrumentos de traballo propios do Concello permítenos realizar con maior facilidade e de forma máis eficaz algúns traballos que que ata agora nos víamos na obriga de ter externalizados” explicou a alcaldesa, Marta Rouco
O lote está composto por un conxunto de maquinaria lixeira do que forman parte unha motoserra e cortasertos de man, un soprador, un corta céspede de man, catro desbrozadoras de man, dúas motoserras e un cortasetos accionados por combustible. “Ao que se suman dúas motoserras grandes accionadas por batería que poderá empregar o equipo de emerxencias para resolver incidencias nas que é fundamental contar coa maquinaria axeitada”, sinalou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
Pola súa banda, o lote inclúe tamén maquinaria pesada entre a que se atopa unha podadora e cortasetos para empregar con tractor, unha biotrituradora, un tractor corta céspede, unha desbrozadora lateral para tractor e unha trituradora multifunción para empregar co tractor tipo 4×4 tamén incluído no lote.
En total, un investimento que supera os 118.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, que tamén se destinou á contratación de 5 peóns de xardinería e 2 oficiais xardineiros durante os 3 meses do período estival para levar a cabo a corta de herba nas marxes do paseo fluvial, a retirada de ramas e lixo, así como as labores básicas de mantemento do mobiliario. Ademais, o persoal foi o encargado da corta do céspede, a retirada de ramas, follas e lixo, tamén na área recreativa do Madalena.