Foz, 9 de novembro de 2024. O Concello de Foz aclara os motivos dos cambios na factura da auga e do lixo.
“Ante a desinformación e as consultas recibidas, así como as faltas á verdade vertidas pola oposición, o Concello de Foz informa que o retraso no xiro da factura de Gestagua do terceiro bimestre -maio/xuño- é unicamente responsabilidade dos servizos municipais. Este feito provocou o cobro nun corto espazo de tempo de dúas facturas consecutivas, ante o cal o Concello de Foz debe pedir desculpas a todos os aboados ao servizo. Os cambios no prezo da factura de Gestagua veñen motivados polos cambios na ordenanza do ciclo integral da auga e tamén da nova ordenanza do lixo. A factura inclúe varios conceptos: canon cobrado pola Xunta de Galicia), impostos, potabilización e distribución da auga (auga), depuración de augas residuais (depuración), conservación da rede de alcantarillado (saneamento, que se cobra unha única vez ao ano), mantemento de contador e recollida de lixo”, explica o Concello de Foz.
Ademais engade que “dependendo dos servizos dos que desfruta unha vivenda, a factura pode variar. Pode darse o caso de que a vivenda, por exemplo, non conte con servizo de alcantarillado ao dispoñer de fosa séptica ou ter unha traída propia de auga e non incluírse este concepto na factura. A desactualización de varias décadas no prezo por estes servizos provocou unha débeda na época de goberno do Partido Popular de varios millóns de euros que este goberno veuse na obriga de pagar con fondos propios. O incremento de prezos nos conceptos de auga, alcantarillado e saneamento van asociados á nova licitación da concesión do ciclo integral da auga, no que se van a investir 1,2 millóns de euros nas potabilizadoras de Fazouro e Cordido, 1,2 millón de euros para inversións iniciais en redes de distribución e máis de 58.000 euros anuais para conservación e mellora da rede. Ademais a licitación inclúe melloras ás que poden optar polos ofertantes como unha nova tubaxe desde os depósitos de Fazouro ata o casco urbano para substituír a vella condución de fibrocemento que sofre continuas roturas. Ao aumento de custos de todo tipo hai que engadir a suba desproporcionada da factura de Sogama -Xunta de Galicia- para a xestión de residuos, que xa este ano provocou sen ningún aviso previo un impacto desproporcionado aos concellos. A lei obriga a que os usuarios deban afrontar os custos totais dos servizos, pero ademais como administración non nos podemos permitir a inacción ante as restricións que padecemos en agosto do ano 2023, no que se recomendou non usar a auga da billa para beber ou cociñar”.
O Concello de Foz indica tamén que “a construción dunha nova depuradora de augas residuais -en curso- e as melloras na planta potabilizadora van a supoñer unha inversión de futuro imprescindible para Foz, que vai contar cunhas infraestruturas dimensionadas para o crecemento que se espera nos próximos 30 anos e poder dar o mellor servizo. Debemos pensar tamén na substitución das vellas tubaxes de fibrocemento e na tarefa pendente de completar a rede de saneamento nas parroquias. Durante a crise do COVID o Concello de Foz fixo un exercicio de responsabilidade de mantemento das taxas, pero as inversións e as melloras non permiten aprazamentos neste sentido. Sendo cada caso de cada usuario diferente, apórtanse como comparativa un concello moi similar ao noso -Ribadeo-, tanto en extensión como en poboación. Non se inclúen nestes cadros os conceptos de mantemento do contador nin o IVE. A comparativa toma como referencia un consumo no fogar de 20 m3, tendo en conta que o fogar medio pode estar entre os 15 e os 22 m3. Hai que ter en conta que en Ribadeo veñen de aprobarse novas subas que non están contempladas nesta comparativa. Cada ordenanza é diferente. Nalgúns casos o saneamento e a depuración van no mesmo concepto, noutros coma en Foz sepáranse. No caso de Foz o cuarto bimestre é máis caro debido a que se cobra a taxa de saneamento anual (alcantarillado), que é exclusiva desa factura. Ademais a ordenanza do lixo tamén sufriu unha actualización este ano despois de máis de dez anos sen subirse, e antes os incrementos anunciados por SOGAMA (Xunta de Galicia) na xestión do lixo incluso resultará insuficiente”.