A alcaldesa quixo poñer en valor o importante papel das persoas voluntarias “pola súa entrega desinteresada e a súa dedicación, sen agardar nada a cambio, contribuíndo a crear unha sociedade máis humana e máis empática”
Cervo, 22 de novembro de 2024. A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron unha reunión de traballo con Irene García, da Asociación Protectora de Animais Coletiñas, na Casa do Concello, durante a que rubricaron tamén un convenio de colaboración que ratifica o compromiso do Concello de Cervo co benestar animal. Una axunda directa anual que se incrementa este ano en 6.000 euros ata acadar os 18.000 “xa que consideramos que desde Coletiñas fan un labor altruísta fundamental para a comunidade en defensa do dereito animal”.
A rexedora quixo poñer en valor o importantísimo labor que desempeñan as persoas voluntarias da Protectora, a súa entrega desinteresada e a súa dedicación, tanto na atención directa e coidado dos animais, como á hora de divulgar esa mensaxe de concienciación e responsabilidade entre a cidadanía; contribuíndo a unha sociedade máis humana e empática, e a facer un Concello máis seguro e xusto para os animais que viven situacións difíciles.
Entendemos que o apoio económico das institucións –precisou- é importante para que esta protectora poida continuar cos seus labores de rescate, rehabilitación e adopción, reforzando tamén a súa capacidade operativa para garantir que todos os animais teñan acceso á atención que merecen.