Estará pechado durante mes e medio, desde o 28 de novembro ata o 13 de Xaneiro
Mais, por se isto fose pouco, no mes de outubro o noso Hospital estivo xa tres días, o 23, o 24 e o 25, sen ningún profesional de cardioloxía, “algo inaudito e inadmisible: unha poboación de 70.000 habitantes como é a comarca de A Mariña sen ningún cardiólogo ou cardióloga no Hospital de Burela” manifestou o deputado mariñao do BNG Daniel Castro que ante esta situación e as contínuas demandas de mariñás e mariñaos ao respecto, leva esta grave situación ao Parlamento.
Desde o 28 de novembro e ata despois de Nadal, A Mariña sen cardioloxía
Castro explica tamén que esta situación de extrema gravidade pode verse incrementada a partir do próximo 28 de novembro, xa que desde ese día e polo menos até o 13 de xaneiro este servizo estará pechado pola ausencia do único especialista que soporta a demanda de esta especialidade na Mariña.
Esta situación tan lamentable denunciada polo BNG trae consigo unha serie de consecuencias para todos e todas. A primeira e a máis obvia é que con un só cardiólogo é imposible atender a consulta diaria, alén de que o Hospital da Mariña non asume ingresos de pacientes de cardioloxía.
Traslados a Lugo
Manifestan desde o BNG que a cuestión aínda se volve máis grave dado que os e as pacientes de cardioloxía que precisan ingreso son trasladados ao HULA, a donde chegan sen cama asignada, o que fai que teñan que acceder por Urxencias. E seguindo nesa escala de gravidade hai que ter en conta tamén que os e as pacientes cun episodio cardiovascular agudo que acuden a Hemodinámica do HULA por precisar dun cateterismo, non poden volver ao Hospital da Mariña, tendo que quedar ingresados en Lugo por falta de especialistas na comarca.
E por último, calquera doente que entre por Urxencias e precise de probas cardiolóxicas será citado ou citada para a realización das mesmas no HULA, un feito que demorará o seu diagnóstico e o que provocará un aumento das listas de agarda, unhas listas que xa de por si teñen unhas esperas altísimas.
Só unha ambulancia medicalizada para toda a comarca, que agora terá que facer tamén os traslados ao HULA
Toda esta situación xa de por si pésima, afectará a calquera mariñán ou mariñá debido a que a ambulancia medicalizada que hai na comarca asume os traslados de cardioloxía ao HULA, deixando así á comarca sen a única ambulancia que permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.
Os servizos no Hospital da Mariña seguen empeorando
“Todo o dito vén a demostrar unha vez máis que os servizos no Hospital comarcal empeoraron dun xeito máis que palpable debido á nefasta xestión do Partido Popular e que día tras día non fan outra cousa que seguir empeorando, a menos que se lle poña solución de xeito inmediato, e por eso imos instar á Xunta de Galiza a que coa maior urxencia e inmediatez se lle asignen ao Hospital da Mariña os profesionais do servizo de Cardioloxía que lle corresponden” asegurou Daniel Castro.
Impresentables declaracións do Conselleiro
Desde o BNG referíronse tamén ás declaracions de García Comesaña que a respecto deste grave problema manifestou que “a atención en Cardioloxía do Hospital da Mariña está garantida alí ou donde sexa”. Estas declaracións constitúen unha ofensa e unha falta de respecto a todos os mariñaos, pois nós a atención en Cardioloxía querémola na Mariña, non en ingún outro lado, non “ou donde sexa”, manifestaron os nacionalistas.
“A falta de respecto do conselleiro á Mariña é a mesma que todo o Partido Popular vén practicando nos últimos anos con esta comarca” concluiron.