Viveiro, 8 de novembro de 2024 O Goberno municipal de Viveiro, representado pola tenente de alcaldía Míriam Bermúdez, participou hoxe nun encontro co profesorado e a dirección do Conservatorio de Música de Viveiro, no que se presentou unha Proposición non de lei impulsada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). Este documento, que se debaterá no Parlamento Galego, busca que a Xunta de Galicia asuma as competencias plenas sobre os conservatorios municipais.
Na xuntanza, á que asistiron os deputados parlamentarios do BNG Cristina Fernández e Dani Castro, abordouse a urxente necesidade de reverter a situación actual, na que os concellos, como o de Viveiro, asumen de forma desproporcionada os custos de mantemento e funcionamento dos centros de ensino musical. Para Viveiro, o investimento anual do Conservatorio supera o millón de euros, un esforzo que compromete os recursos do concello e fai imprescindible buscar alternativas que garantan a continuidade deste servizo sen poñer en risco as finanzas municipais.
Puntos clave da iniciativa:
Reivindicación para que a Consellaría de Educación asuma a xestión e financiamento dos conservatorios municipais, incluíndo a cobertura de persoal docente e non docente, e a dotación de recursos materiais.
Igualdade de condicións entre o alumnado de conservatorios municipais e os centros dependentes da Xunta, asegurando acceso a recursos e listaxes de substitución de profesorado.
Creación dunha rede de conservatorios comarcais profesionais que asegure unha educación musical de calidade en todo o territorio galego.
O BNG de Viveiro desde o goberno participará activamente para que esta proposta se debata tamén no pleno ordinario de decembro mediante unha moción, e promoverá unha recollida de sinaturas para sumar apoios á causa.
“Este é un esforzo que Viveiro non pode continuar asumindo en solitario. É esencial que a Xunta tome a responsabilidade que lle corresponde e asegure a sustentabilidade dos conservatorios municipais,” sinalou Míriam Bermúdez.