Sonia Vidal salientou que o goberno do PP utiliza os xabarís como escusa para alimentar un discurso populista que busca máis confrontación que solucións
Sonia Vidal subliñou que a xestión do xabaril por parte da Xunta de Galiza “é un exemplo claro de abandono e desprezo polo sector agrario galego”. O BNG denuncia que durante décadas, as labregas e labregos deste país teñen sufrido os danos ocasionados por unha fauna salvaxe cuxa poboación medra sen control, mentres a administración autonómica nin proporciona indemnizacións nin implanta medidas reais de prevención.
Non hai ningunha estratexia coordinada e eficaz para reducir a poboación de xabarís, nin medidas preventivas reais, ou asesoramento técnico. As accións limitáronse a campañas anecdóticas, como “cazas controladas” que non teñen impacto sostible.
A lentitude para autorizar esperas e abatidas “dificulta unha resposta áxil” aos danos dos xabarís. Vidal salientou que os agricultores “deben enfrontarse a trámites burocráticos que frean as actuacións urxentes”, agravando os efectos sobre os cultivos. O BNG demandou nesta iniciativa establecer un prazo máximo de 3-6 meses para compensar os danos nos cultivos, incluíndo as leiras de sega de herba, para que as labregas e labregos non sexan quen paguen a factura desta crise. “As labregas non poden esperar anos por unha indemnización mentres soportan as consecuencias dos ataques”.
Por outra banda, a deputada nacionalista sinalou que a xestión eficiente da fauna salvaxe é clave para “previr enfermidades” como a tuberculose, brucelose, peste porcina, hepatite E, salmonelose, leptospirose e enfermidades parasitarias, así como “protexer a saúde do gando e das persoas”. Vidal demandou responsabilidades ao goberno do PP e instou a pór en funcionamento un control efectivo da poboación de xabarís para reducir a incidencia das enfermidades.
“A Xunta de Galiza debe abandonar a súa política de propaganda e asumir a súa responsabilidade na xestión do xabaril” apuntou. O abandono das labregas e labregos non só é unha mostra de desinterese polo rural, senón tamén unha ameaza ao equilibrio territorial, “á seguridade e á economía do país”. As medidas propostas polo BNG son unha aposta por solucións reais e urxentes, fronte á parálise e inacción do goberno autonómico. “O rural galego merece unha resposta que poña ás persoas no centro e non os intereses políticos” concluíu.
A Proposición Non de Lei do BNG que pedía axilizar trámites para esperas e abatidas, compensacións xustas e rápidas polos danos, así como un estudo sanitario dos exemplares abatidos, non saíu de adiante cos votos en contra do Partido Popular.