“Que o PP de Ribadeo, con ben pouco gusto, e raiando xa na chulería, se permita clasificar aos cidadáns e cidadás segundo lles conveña, non é admisíbel. Agora resulta que algunha mente iluminada vainos dicir quen é bo ou mal ribadense, quen pode e non pode opinar sobre este ou aquel tema. Din que só teñen dereito a falar da tala masiva de árbores no Gregorio Sanz, eles, que son quen realmente aman dito colexio. Porque, segundo eles, os demais non fomos a esa escola. Hai que estar ben enganado para atribuírse a potestade de determinar quen foi e quen non a este ou aquel colexio. Acaso controlan os censos até tal punto? De tanta información dispoñen? Ou é unha parvada, unha baballada de quen ten que asubiar cara a outro lado porque acaba de meter a zoca sen xeito nin traza”.
“Queren disimular esta desfeita xustificando que tiñan unha “petición verbal”. Tantos anos de experiencia no Parlamento deberon iluminar a mente dalgún membro do PP ribadense que xa nos van dar leccións de procedemento administrativo: “petición verbal”; tíralle do aire á expresión! Vaia rigor xurídico! E quedan tan campantes. A quen pretenden impresionar con esta linguaxe pseudoxurídica?! Ademais, alegan varios informes que, desde logo, ben dan a impresión de teren sido feitos para a ocasión”.
“Como é posíbel que a hipotética petición verbal se producise por chamada telefónica á alcaldía de Ribadeo a día 30 de outubro e, no entanto, o informe feito por Servitec Medioambiente fose elaborado a 7 de outubro? Por que motivo se encarga un informe, se é que así se fixo, antes de que se produza a que eles denominan “petición verbal”? Como é posíbel ademais que neste informe de Servitec Medioambiente, e noutro feito con posterioridade pola Área de Medio Rural do Concello de Ribadeo, asinado a 8 de novembro, coincidan moitas das fotografías feitas? Unha cousa é fotografar a mesma árbore, e outra ben distinta é que coincida o encadre da fotografía milimetricamente. Estaba tomada xa a decisión de modificar a estrutura do patio do Ceip Gregorio Sanz para enchelo de máis cemento? Sentiron vostedes a necesidade de xustificar mellor posteriormente a decisión tomada de antemán? Estaba todo amañado, señor alcalde? E despois son vostedes os que se andan a preguntar “a quen pretenden enganar”?”.