Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que Daniel Vega convoca plenos de xeito irregular para ocultar información

Ribadeo, 6 de novembro, 2024. O pleno extraordinario deste martes. 5 de novembro. foi convocado sen garantías para os concelleiros e concelleiras da oposición: tiveron que asistir ao mesmo sen tempo material para estudar a fondo os temas a debater. “Se ás 16,22h se convoca a corporación para un pleno extraordinario a celebrar ás 20,00h, como vai dar tempo a ler, por exemplo, o informe técnico externo (de 151 páxinas) para unha modificación puntual do PXOM?”. “Como imos poder defender a veciñanza se lle van subir as taxas da piscina, auga e sumidoiros se temos apenas dúas horas para ler os informes de intervención, tesouraría, secretaría, etc?”.

“Se non podemos estudalos polo miúdo, que é o noso deber, non podemos defender como é o debido á cidadanía. O alcalde quere impedir que cumpramos co noso cometido como oposición”.

“Daniel Vega escúsase en que o anterior goberno tamén convocaba plenos urxentes. E pon como exemplo un que, segundo el, foi convocado das 12 do mediodía para as 3 da tarde. Iso non é certo: foi convocado o día anterior. E a urxencia viña derivada pola necesidade do traslado dos usuarios e usuarias do Hospital-asilo municipal por mor da reforma destas instalacións. Tratábase de lle pedir á Xunta lealdade institucional para co concello e que cumprise coas súas obrigas. Ademais, motivábase a urxencia na propia convocatoria, non como ocorreu no pleno que nos ocupa, que non o facía. Ben diferente era o caso. Pero ao alcalde de Ribadeo calquera cousa lle serve para darlle a volta como a un calcetín, xustificar o que el fai, e quedar tan ancho”.

“Moito nos tememos que, de novo, o concello vaise endebedar aínda máis. É tan descarado o asunto que o alcalde xa precisa andar con reviravoltas para que non se note moito a cousa. Si, de novo vai aumentar a débeda. A imperiosa necesidade de aprobar un crédito de 950.000€ (que se suma a outro de 407.000€) para que entre en vigor antes de que remate o ano, demostra a delicada situación económica pola que debe estar a pasar o concello de Ribadeo. A partir do ano 2025 vólvense aplicar as regras de gasto. E se non lle saen as contas ao goberno municipal, o concello vaise ver abocado a un severo axuste financeiro”.

“Pero o que máis chama a atención é o feito de que este pleno puido ser convocado en tempo e forma. Se sabían desde o anterior pleno do 22 de outubro que necesitaban facer este pleno do 5 de novembro para cumprir os prazos que alegan, por qué non o convocaron o venres, ou mesmo onte pola mañá? Por que agardaron até a tarde do día de celebración do pleno? Cremos que foi algo intencionado: querían ocultar información. Por que?”.

Como non podía ser menos, e despois de dar o debate sobre esta situación, os concelleiros e a concelleira do BNG decidiron abandonar o pleno e non participar nin sequera na votación da súa urxencia.

Exit mobile version