Critica que o Goberno de España decretou o peche das centrais térmicas sen acompasar os prazos de implantación das infraestruturas e dos proxectos, e sen garantir a transición xusta para os traballadores e traballadoras e para os territorios afectados
Durante a resposta a unha pregunta oral no Parlamento galego sobre o nó das Pontes, a conselleira subliñou que “seguiremos reclamando que nos traten igual que a outras Comunidades e que se garanta que a implantación dos proxectos de xeración eléctrica renovable non vai estar condicionada pola inexistencia de infraestruturas de interconexión eléctrica”, sinalou.
Na súa intervención, Lorenzana destacou que “estamos case no 2025, cando xa tería que estar convocado e adxudicado o concurso para o nó de transición xusta das Pontes e non o está, e tampouco a subestación anunciada”, insistiu.
E engadiu, “ademais de chegar tarde habería que preguntarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico onde están os 1.400MW de evacuación do nó das Pontes que había para a evacuación da central térmica porque tras o peche, a capacidade de acceso dispoñible do nó é de 0 MW”, dixo.
Nesta liña, criticou que o Executivo central decretou o peche das centrais térmicas sen acompasar os prazos de implantación das infraestruturas e dos proxectos no lugar de facer unha transición xusta, ordenada e simplificada. “Debían garantir a transición xusta para as traballadoras e traballadores e para os territorios afectados”, dixo.
A titular de Economía e Industria explicou que pola súa banda, a Xunta xa presentou propostas ao Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 e reforzou esas peticións con reunións e comunicacións escritas ao Goberno central, “mentres que o Estado deixou fóra obras clave e outras foron atendidas parcialmente”, sinalou.
Finalmente, puxo en valor a necesidade de desenvolver unha rede de transporte, e subliñou “levámolo reclamando anos de forma insistente como algo esencial para o desenvolvemento económico, industrial e enerxético de Galicia”.